- O proxecto levouse a cabo en dúas fases; A primeira, coa posta en marcha dunha planta pioneira para a recuperación de materiais reciclables contidos no lixo en masa, e a segunda, coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
- O traballo da entidade céntrase agora en integrar a parte nova coa vella para que o Complexo se atope a pleno rendemento canto antes.
- Pasará a ter capacidade suficiente para tratar 1.000.000 de toneladas anuais de residuos, permitindo cuadriplicar os índices de reciclaxe e chegar en 2020 ao vertido técnico cero.
Cerceda, a 10 de xullo de 2019.- En declaracións a Onda Cero Lugo, o director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, referiuse á ampliación do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) como un claro exemplo de innovación tecnolóxica aplicada a residuos. Neste sentido, explicou que o proxecto desenvolveuse en dúas fases. A primeira, que contemplou a posta en marcha dunha planta pioneira de recuperación dos materiais reciclables contidos na bolsa negra (lixo en masa), concibida en liña coa industria 4.0, na que se separa de forma automática (lectores ópticos, sensores, etc.) unha decena de residuos de diferentes características a fin de propiciar o seu posterior reciclado e conversión en novos produtos.
A segunda fase, que finalizará este verán, contempla a optimización da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
Con esta ampliación, o complexo cercedense incrementará a súa capacidade de tratamento nun 81%, pasando das 550.000 toneladas nominais a 1.000.000. Desta forma, e tal e como sinalou García Téllez “Sogama poderá tratar, nas mellores condicións, os refugallos producidos polos 295 concellos adheridos ao seu modelo e mesmo do resto de Galicia se así fose necesario nalgún momento”.
A partir de agora o traballo centrarase en integrar a parte nova coa vella para que o Complexo se atope a pleno rendemento canto antes.
Con esta mellora, Sogama cuadriplicará a súa achega á reciclaxe e reducirá a mínimos o uso do vertedoiro, chegando en 2020 ao vertido técnico cero (10%), o que significa que só se verterá aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Así mesmo, o directivo desta empresa pública referiuse á planta de compostaxe industrial de Sogama, preparada xa para recibir a materia orgánica dos municipios máis próximos, unha vez que implanten a recollida selectiva da mesma a través do quinto contedor.
Saúdos, Departamento de Comunicación