- Así o manifestou onte o presidente de Sogama, Javier Domínguez, durante a súa intervención na xornada que, sobre economía circular e xestión de biorresiduos, tivo lugar en Santiago de Compostela baixo a organización da Consellería de Medio Ambiente.
- Anunciou que, trala posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais, e que conformou a primeira fase da ampliación, a entidade abordou o pasado mes de xaneiro a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, que culminará a mediados deste ano.
- Con esta mellora, Sogama dará debido cumprimento aos seus tres grandes obxectivos: tratar de forma óptima os residuos urbanos producidos polos 295 municipios adscritos ao seu modelo, incrementar as taxas de reciclado e chegar en 2020 ao vertido técnico cero.
- No ámbito da compostaxe, destacou o programa de autocompostaxe que lidera a empresa, con máis de 290 entidades adheridas e preto de 10.000 composteiros repartidos, e a súa planta de compostaxe industrial, que entrará en operación cando os concellos máis próximos implanten o quinto contedor.
Cerceda, a 27 de marzo de 2019.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou onte, en Santiago de Compostela, na xornada sobre economía circular e xestión de biorresiduos promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos municipais, prestando especial atención á fracción orgánica.
No transcurso da súa alocución, e tras explicar as características do modelo de Sogama e a súa contribución á rexeneración de Galicia, toda vez que permitiu a clausura e selado de centos de vertedoiros municipais que non reunían as mínimas condicións de seguridade e control, desgranou o presente da empresa e a folla de ruta dun futuro que estará definido pola ampliación do complexo medioambiental de Cerceda.
Concluída a primeira fase en novembro de 2018 coa posta en marcha dunha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo convencional e que permite separar, coas mellores tecnoloxías dispoñibles e en liña coa industria 4.0, ata 11 tipoloxías de material, a empresa adentrouse o pasado mes de xaneiro na segunda fase deste proxecto coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
A mediados deste mesmo ano, tal e como avanzou Domínguez, a ampliación do complexo culminarase, facendo posible os tres grandes obxectivos da Sociedade: tratar de forma óptima nas súas instalacións os residuos producidos polos 295 concellos adheridos ao seu sistema, incrementar as súas taxas de reciclado, prevendo multiplicalas por catro, e chegar en 2020 ao vertido técnico cero, é dicir, que só se leve a vertedoiro aquela fracción do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente, representada polo 10%. Con isto Sogama dará debido cumprimento, e ademais con 15 anos de antelación, a un dos principais obxectivos do Parlamento Europeo en materia de residuos: limitar o vertido ao 10% nos Estados membros para 2035.
COMPOSTAXE DOMÉSTICA E INDUSTRIAL
En materia de recuperación da fracción orgánica, Javier Domínguez avanzou que a empresa atópase liderando desde fai anos un programa de compostaxe doméstica que conta coa adscrición de máis de 290 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais), entre as cales xa repartiu preto de 10.000 composteiros. Sinalou igualmente que o labor de Sogama non se circunscribe únicamente á dotación de medios materiais, senón que imparte cursos de formación presencial neste ámbito e conta con recursos divulgativos propios, como é o caso do sitio web www.compostaconsogama.gal.
Así mesmo, a empresa, xunto con outros socios galegos e portugueses, participa nun proxecto europeo de cooperación transfronteiriza que leva por nome Res2ValHum e cuxo obxectivo é poñer en valor a materia orgánica a fin de evitar o seu vertido.
Integrado no programa INTERREG V-A España Portugal (POCTEP) 2014-2020, con este proxecto preténdese evidenciar as vantaxes asociadas á recuperación da materia orgánica e as súas diversas aplicacións, que van máis aló do ámbito puramente agrícola ou como remediador de solos contaminados, podendo contar igualmente cun interesante potencial no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.
Así mesmo, a entidade construíu e equipou unha planta de compostaxe industrial, que se atopa situada no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, e que entrará en funcionamento cando os municipios máis próximos implanten a recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos a través do quinto contedor.
Saúdos, Departamento de Comunicación