- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que o vindeiro mes este Complexo medio ambiental comezará a recibir os biorresiduos dos concellos de A Laracha, Carballo e Arteixo
- Sogama ten capacidade para procesar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica dos municipios máis próximos, co fin de obter ata 4.000 toneladas de compost e avanzar no obxectivo europeo de reciclar o 50% deste tipo de residuos xa en 2020
- Ángeles Vázquez destaca o papel deste Complexo medio ambiental nos últimos vinte anos, que iniciou a súa actividade para poñer fin a máis de 3.000 puntos de vertido incontrolado e agora -tras a súa ampliación- é unha das plantas máis grandes e eficientes do mundo
- Ángeles Vázquez recorda que nos últimos anos apostouse pola construción e equipamento dunha nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra e por remodelar a planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible
- Deste xeito, Sogama logrará no ano 2020 acadar o reto dun 10% de límite de vertido, 15 anos antes do que fixa Europa
Cerceda (A Coruña), 20 de xaneiro de 2020- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destaca o novo fito de Sogama por situar á Galicia á cabeza da redución e reciclaxe dos residuos. Así o manifestou esta mañá durante unha visita ás instalacións co Complexo Medio Ambiental de Sogama, con motivo da celebración dos 20 anos da súa posta en marcha, onde avanzou que a nova planta de compostaxe do Complexo medio ambiental de Sogama en Cerceda comezará a recibir biorresiduos dos concellos de A Laracha, Carballo e Arteixo no vindeiro mes de febreiro.
A conselleira destacou que Sogama esta nova planta de compostaxe será decisiva para axudar a cumprir o obxectivo europeo de reciclar o 50% dos residuos no ano 2020, grazas a súa capacidade para procesar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica dos concellos máis próximos e obter ata 4.000 toneladas de compost. Engadiu que esta planta reforzará o programa de compostaxe doméstica activo en toda Galicia, aos que están adheridas máis de 330 entidades -189 concellos, 126 centros educativos e 19 colectivos sociais- ás que xa se lle entregaron máis de 11.200 composteiros.
Asemade, a Consellería de Medio Ambiente destinará 25 millóns de euros -ata o ano 2022- para iniciar a posta en marcha de tres plantas públicas de tratamento de biorresiduos domésticos, unha por cada unha das provincia; así como un investimento de 700.000 euros en axudas para desenvolver plantas deste tipo, por parte dos concellos ou da iniciativa privada, que complementarán ás que promove a Xunta de Galicia.
Dúas décadas de traballo
A conselleira de Medio Ambiente destacou o papel que xogou Sogama para evitar o deterioro ambiental de Galicia. A súa posta en funcionamento, hai 20 anos, iniciouse o camiño para eliminar máis de 3.000 puntos de vertido incontrolados espallados pola Comunidade e hoxe en día ten tratado máis de 10 millóns de toneladas de lixo, unha cantidade coa que se podería encher ata 50 veces o estadio de fútbol de Riazor.
Outro dato que dá conta da súa importancia é que no ano 2001 eran 71 os concellos que estaban adheridos a Sogama, mentres que hoxe dá servizo a 295 concellos, o que se traduce xestionar cada día os residuos do 83% da poboación galega, de máis de 2 millóns de galegos.
A conselleira de Medio Ambiente salientou que a calidade deste servizo é grazas ás actuacións de mellora e actualización que se levaron a cabo e que posiciona a Sogama como unha das plantas máis grandes e eficientes do mundo. De feito, recordou que se destinaron 31 millóns de euros á construción e equipamento dunha nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra, en liña coa industria 4.0 e operativa dende novembro de 2018, e á remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, na que se selecciona da bolsa negra a parte susceptible de ser reciclada e co resto prodúcese un combustible que alimenta unha planta termoeléctrica na que se xera, de forma limpa, tanta electricidade como para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Vázquez Mejuto explicou que grazas a esta valorización material e enerxética, en Galicia o índice de vertido en 2018 situouse nun 25%, unha porcentaxe moi inferior tendo en conta que en España só hai 10 plantas deste tipo e o uso do vertedoiro dispárase ata o 54%.
“Sogama é un referente en Europa e no mundo”, argumentou a conselleira; xa que con esta valorización Sogama adiántase 15 anos ao prazo pretendido pola Unión Europea, logrando neste 2020 o 10% de límite de vertido que Europa propón para 2035.
Fuente: Consellería de Medio Ambiente