- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu esta mañá a dúas interpelacións no pleno do Parlamento
- Subliña que a Xunta segue apostando pola cooperación cos municipios na xestión dos seus residuos e lamenta que a oposición “prefira estar ao carón de Sánchez”
- Asume o compromiso firme de que se o Goberno central dá marcha atrás e retira os novos impostos estatais, Sogama non actualizará o prezo do canon en 2025
Santiago de Compostela, a 25 de setembro de 2024.- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, emprazou hoxe aos grupos parlamentarios do PSdeG e do BNG a sumar esforzos coa Xunta e traballar a través das institucións nas que están presentes para reducir a factura que abonan os 295 concellos galegos adheridos a Sogama pola xestión dos seus residuos.
Durante a súa intervención ante o pleno do Parlamento de Galicia, subliñou que o Goberno autonómico leva anos traballando conxuntamente coas entidades locais para garantir e acadar unha xestión axeitada e responsable dos residuos urbanos, mantendo un diálogo constante con elas e apoiándoas ante decisións do Executivo central que van ter un impacto negativo nas súas contas.
En concreto, a responsable autonómica referiuse á entrada en vigor o ano pasado do novo imposto estatal sobre o vertido e a incineración, ao imposto á produción de enerxía e á orde ministerial pola que se elimina a retribución ás plantas termoeléctricas que beneficiaba a Galicia, unhas políticas “penalizadoras” que se traduciron no caso de Sogama en perdas por un importe de 18 millóns de euros só no ano 2023.
Nese sentido, Ángeles Vázquez explicou que durante ano e medio a empresa pública con sede en Cerceda asumiu en solitario o impacto económico destas medidas sobre o custo do tratamento do lixo, que cifrou actualmente xa en 120 euros por tonelada, e engadiu que ante unha situación “insostible” por máis tempo para as contas de Sogama, tomouse a decisión de actualizar o importe do canon de cara ao ano 2025.
En todo caso, nun “exercicio de responsabilidade” e colaboración coas administracións locais —que teñen a competencia sobre a xestión dos residuos urbanos—, a conselleira lembrou que o próximo ano a Xunta asumirá con fondos propios unha parte do incremento do canon de Sogama, tal e como lle explicará á Federación galega de municipios e provincias no marco da reunión fixada para este venres.
Fronte a esta aposta do Goberno galego pola “cooperación institucional” cos concellos en materia da xestión dos residuos, censurou que PSdeG e BNG “perderan unha nova ocasión” esta mañá para pedirlle ao Goberno central que rectifique”. “Prefiren estar ao carón do señor Sánchez e que paguen os concellos”, lamentou.
Por iso, insistiu en que “deberían recapacitar” e pedir a retirada inmediata dun imposto estatal polo que apostou “unilateralmente” o Goberno central “sen consultar nin escoitar ás comunidades”. De feito, asumiu o “compromiso firme” de que se o Executivo de Pedro Sánchez rectifica e retira os impostos estatais que “penalizan a concellos e cidadanía”, Sogama non actualizará o canon de 2025, recordando que “hai 18 países da Unión Europea” que non teñen este imposto.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático