- Ex compañeiros de profesión integran actualmente a Asociación Deportiva Limeisa, desde a cal programan actividades e saídas coas que queren enriquecerse culturalmente e informarse sobre a actividade empresarial da súa contorna
Cerceda, a 5 de xullo de 2024.- “Agradable, próxima, produtiva e moi satisfactoria”, así cualificaban os monitores de Sogama a visita efectuada ao Complexo Medioambiental de Cerceda por parte dun grupo de antigos traballadores da firma Lignitos de Meirama e que actualmente integran a Asociación Deportiva Limeisa, desde a cal programan actividades e saídas coas que queren enriquecerse culturalmente e informarse sobre a actividade empresarial da súa contorna.
Mostráronse moi interesados en coñecer o tratamento que os residuos municipais reciben en Sogama, así como as tecnoloxías empregadas para que este se leve a cabo de forma eficiente e respectuosa co medio ambiente e a saúde pública.
Durante a xornada, o grupo caracterizouse por ser altamente participativo e mesmo compartiu ideas e experiencias cos educadores, amosando a súa preocupación ao redor da necesidade de incrementar os índices de reciclaxe, se ben consideraron que a falta de espazo nos fogares para separar as distintas fraccións de residuos, pode limitar en boa medida a colaboración cidadá.
Ademais da visita virtual, realizaron un percorrido a pé polas distintas instalacións que conforman o Complexo, dedicando boa parte do tempo á planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, onde os refugallos potencialmente reciclables selecciónanse automaticamente por tipos de material para remitir á industria transformadora.
Ciclóns aspiradores, mesas densimétricas, electroimáns, correntes de Foucault e lectores ópticos conforman a operativa desta instalación, que funciona conforme aos canons da industria 4.0, conseguindo recuperar aqueles residuos que, dadas as súas características, deberían ser depositados polos cidadáns noutros contedores de recollida selectiva e non no propio da fracción resto.
Coa parte non reciclable, Sogama acondiciona un combustible CDR que alimenta as caldeiras da planta termoeléctrica para xerar electricidade renovable.
Saúdos, Departamento de Comunicación