- Lamentou que España continúe a incumprir a directiva europea de vertedoiros, toda vez que se verten cada ano entre 11 e 12 millóns de toneladas de refugallos, circunstancia que, de forma inexorable, repercute nun evidente incumprimento dos obxectivos de reciclaxe.
- Salvo comunidades tales como Galicia, Cataluña, País Vasco ou Cantabria, asegurou que “en España apenas evolucionamos durante todo este tempo”.
- Referiuse igualmente ao custo de xestión dun vertedoiro, que é moi inferior ao doutros sistemas, o que se traduce en tarifas máis baixas. “Alí onde prospera o vertedoiro, é difícil que se avance cara a unha mellor xestión dos residuos e que a separación en orixe sexa boa”.
Cerceda, a 12 de xuño de 2020.- Antonio Orrego Durán é un dos grandes expertos en materia de residuos no noso país. A súa dilatada experiencia no sector, con postos de responsabilidade en varias empresas, así o acredita. Ademais, colabora con distintas entidades ambientais ás que aporta o seu coñecemento, participando activamente en iniciativas orientadas a mellorar a xestión dos residuos. Ata hai pouco tempo ocupou tamén o cargo de vicepresidente de AEVERSU (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos), á que tamén está adscrita Sogama.
Nunha entrevista concedida recentemente a Radio Voz Galicia, Orrego efectuou unha análise da evolución da xestión dos residuos en España durante os últimos anos, asegurando que non se pode cualificar precisamente como boa”. Á crise económica do 2008, engadíronse, tal e como sinalou, outros factores máis ligados ao uso político do sector dos residuos e ás mensaxes, moitas veces oportunistas, de determinados grupos ecoloxistas; unha cóctel que, ao seu xuízo, levou a “caer no inmobilismo” (mellor non facer nada, xa que se fago algo equivócome).
Lamentou que España continúe a incumprir a directiva europea de vertedoiros, toda vez que se verten cada ano entre 11 e 12 millóns de toneladas de refugallos, circunstancia que, de forma inexorable, repercute nun evidente incumprimento dos obxectivos de reciclaxe (que non chegan ao 40%). “O noso país ten abertos expedientes por vertedoiros incontrolados e alta siniestralidade neste tipo de instalacións”, indicou.
Os datos falan por si sos: en 2010, España levaba a vertedoiro o 58% dos residuos, reciclaba aproximadamente o 33% e sometía o 9% a valorización enerxética. En 2018, estas cifras variaron pouco: o vertido baixou ao 51%, a reciclaxe sitúase aproximadamente no 36% e a valorización enerxética no 13%.
Se atendemos a outros países, como é o caso de Reino Unido, a evolución foi ben distinta: mentres que en 2010 enviaba a vertedoiro o 49%, en 2018 baixou ao 17%, subindo do 39% ao 50% en reciclaxe e cun incremento da valorización enerxética do 12% ao 37%.
Salvo comunidades tales como Galicia, Cataluña, País Vasco ou Cantabria, “en España apenas evolucionamos durante todo este tempo”, enfatizou.
Respecto da recollida selectiva, Orrego manifestou que non temos unha plena implantación das fraccións necesarias para chegar a mellores resultados. “É preciso dispoñer de medios e tamén de campañas formativas e de sensibilización que atinen e que cheguen á conciencia da poboación”. Non obstante, é consciente de que a implantación da recollida segregada non é fácil, xa que as directivas europeas entran a través do Ministerio competente, desde aí trasládanse ás Comunidades Autónomas e logo aos concellos, que son os que verdadeiramente se enfrontan á realidade dos residuos.
Por outra banda, referiuse ao custo de xestión dun vertedoiro, que é moi inferior ao doutros sistemas, o que se traduce en tarifas máis baixas. “Alí onde prospera o vertedoiro, é difícil que se avance cara a unha mellor xestión dos residuos e que a separación en orixe sexa boa”. Considera por iso que “tarifas superiores constituirían un incentivo para unha maior efectividade das políticas de redución”, concluíndo que “ningún país evolucionado basea a súa xestión de residuos no vertedoiro”.
COVID-19: O ENVASE COMO PROTAGONISTA
Respecto da evolución dos refugallos durante o confinamento obrigado polo COVID-19, Antonio Orrego sinalou que, máis aló do drama sanitario e social que supuxo esta crise, si podería visualizarse como un período interesante desde o punto de vista estatístico.
Expuxo que, a nivel xeral, en España se puido constatar unha maior xeración de residuos domiciliarios, similar á propia dos domingos e festivos, cando en realidade a previsión era unha notable caída derivada do cese de actividade da hostalería e gran parte do comercio.
Así mesmo, resaltou que, durante os meses pasados, os envases evidenciaron as súas virtudes e defectos. Por unha banda, a compra compulsiva de produtos envasados e embalados por motivos de asepsia, hixiene e maior confianza, e, por outro, o incremento da achega ao contedor amarelo.
Saúdos, Departamento de Comunicación