- Terá lugar o próximo 17 de xaneiro, ás 10:00 horas, no Polígono Industrial de Mos (instalacións do Viveiro PEMOS)
- O seu obxectivo é analizar as novidades e principais requisitos da nova normativa, o papel dos SCRAP e o imposto especial sobre envases de plástico non reutilizables
Cerceda, a 12 de xaneiro de 2023.- Para avanzar na implantación da economía circular e alcanzar os novos obxectivos de reciclaxe de envases para 2025 e 2030, o pasado 27 de decembro foi aprobado o Real Decreto 1055/2022 de Envases e Residuos de Envases, que establece medidas para previr a xeración de residuos, impulsar os envases reutilizables e promover a reciclaxe.
Co fin de debullar o alcance da nova norma, APROEMA, a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia, da que forma parte Sogama, organiza unha xornada específica, que terá lugar o próximo 17 de xaneiro, ás 10:00 horas, no Polígono Industrial de Mos (instalacións do Viveiro PEMOS), co fin de analizar as novidades sobe o novo regulamento, os seus principais requisitos, o papel dos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP) e o imposto especial sobre envases de plástico non reutilizables.
PROGRAMA
O programa contempla a participación de Bruno de Llano Gómez-Ulla, Especialista en xestión local e autonómica de ECOEMBES, quen explicará o sistema de xestión de residuos de envases en España.
Seguiralle Isabel Goyena, directora xeral de Cicoplast, que será a encargada de dar a coñecer ENVALORA, o SCRAP para envases industriais e comerciais producidos nos sectores da química, os plásticos, o caucho e a construción.
Fermín Martínez de Furtado Gil, Director de Relacións Institucionais e Comunicación de SIGAUS, falará sobre o Sistema de Responsabilidade Ampliada do Produtor de envases comerciais e industriais de lubricantes (GENCI).
O encontro reservará un espazo para abundar na xestión dos residuos plásticos, contando para isto coa participación de Hugo Vila Novoa, de Reciclaxes Avi, e Alberto Fraga, de Recicladps Plásticos A Cañiza.
Un relatorio específico sobre o imposto especial que rexerá para os envases de plástico non reutilizables, e do que se encargará Marcos Piñeiro Sanroman, Socio EY Abogados (Galicia), porá o broche final ao evento.
Ademais de presencial, habilítase a posibilidade de participar nesta xornada vía Zoom. Aínda que é gratuíta, require preinscrición, debendo indicar os interesados a modalidade de participación.
Inscripcións en: https://www.aproema.com/empresas_medioambiente_galicia/event/jornada-nuevo-reglamento-de-envases-y-residuos-de-envases/
Fonte: Aproema
Imaxe: Pixabay