- Esta efeméride centrarase na restauración das terras, a desertificación e a resiliencia
- Segundo a ONU, ata o 40% das zonas terrestres do planeta están degradadas, o que afecta directamente á metade da poboación mundial e pon en perigo a aproximadamente a metade do PIB mundial
Cerceda, a 16 de outubro de 2023.- O Reino de Arabia Saudita será o país anfitrión do Día Mundial do Medio Ambiente 2024, que se centrará na restauración da terra, a desertificación e a resistencia á seca. Así o anunciou no seu momento o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e Arabia Saudita.
Esta efeméride, establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972, celébrase cada ano o 5 de xuño, chegando a converterse nas últimas cinco décadas nunha das maiores plataformas mundiais de divulgación ambiental.
Segundo a Convención das Nacións Unidas de Loita contra a Desertificación, ata o 40% das zonas terrestres do planeta están degradadas, o que afecta directamente á metade da poboación mundial e pon en perigo a aproximadamente a metade do PIB mundial. O número e a duración dos períodos de seca aumentaron un 29% desde o ano 2000 e, se non se toman medidas urxentes, poderían afectar a máis de tres cuartas partes da poboación mundial en 2050.
A restauración do solo é un piar fundamental do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas (2021-2030), que constitúe unha chamada á protección e a revitalización dos ecosistemas en todo o mundo, aspecto fundamental para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
En 2024 celebrarase o 30º aniversario da Convención das Nacións Unidas de Loita contra a Desertificación e o décimo sexto período de sesións da Conferencia das Partes (COP 16), terá lugar na capital saudita, Riad, do 2 ao 13 de decembro do próximo ano.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels