- Faino, como en ocasións anteriores, co apoio de Sogama, encargada de subministrar de forma gratuíta os recipientes, así como o material didáctico de apoio para que os veciños participantes apliquen a técnica de forma correcta.
- O obxectivo último é propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e que os usuarios obteñan un compost de calidade que poidan aplicar ao solo con garantías.
- Con esta ampliación, suman un total de 92 as familias desta localidade pontevedresa adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama.
Cerceda, a 29 de xuño de 2020.- O concello de Arbo (Pontevedra), adherido ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, decidiu estendelo, co apoio desta empresa pública, a 30 novas vivendas, facendo un total de 92 as familias que participan activamente nesta iniciativa. Desta forma, o ente local pretende promover a reciclaxe da materia orgánica in situ e beneficiarse das súas vantaxes ambientais, económicas e sociais.
Dado que os restos orgánicos representan o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recuperan na propia vivenda en forma de compost, un abono natural de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, evítase que acaben depositados no contedor verde convencional.
A recuperación da fracción orgánica en orixe permite minorar a frecuencia de recollida e transporte do lixo xenérico (bolsa negra), coa conseguinte diminución das emisións de CO2 á atmosfera. Así mesmo, redúcese a cantidade de refugallos entregados a Sogama e, polo tanto, o importe das facturas que o ente local debe abonar a esta empresa pública.
En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost. Para que o proceso resulte máis cómodo, hixiénico e eficiente, Sogama encárgase de subministrar, de forma gratuíta, os composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil, sumando 92 os recipientes en funcionamento.
Así mesmo, proporcionou ao concello manuais didácticos de apoio para repartir entre os veciños participantes a fin de que coñezan os pormenores da técnica a levar a cabo: desde a propia ubicación do composteiro ata a relación dos materiais que deben depositarse no mesmo e o control de parámetros de gran relevancia como son a temperatura, o osíxeno e a humidade.
Requisito imprescindible para que as familias teñan a oportunidade de formar parte deste programa é que as vivendas nas que habiten sexan unifamiliares e dispoñan de terreo no que aplicar o abono final.
O seguimento desta experiencia corresponde ao persoal do propio concello, encargándose de avaliar a súa acollida, progreso e resultados.
Máis información en www.compostaconsogama.gal