- Dará comezo o vindeiro luns, 28 de xaneiro, baixo o título “A educación ambiental, unha aposta de futuro”.
- No mesmo xa se inscribiron alcaldes, concelleiros, técnicos e auxiliares de concellos das catro provincias galegas.
- Se ben está limitado a 50 prazas, dado o elevado número de peticións, a empresa decidiu incrementar a cota en 10 prazas máis, ata alcanzar as 60.
- Con 30 horas lectivas, concluirá a mediados do próximo mes de marzo e impartirase integramente a través da plataforma pedagóxica de Sogama “Caderno Verde”.
- O programa está configurado por dez temas que impartirán dous técnicos ao servizo da empresa, encargados igualmente das funcións de titoría e atención ao alumnado.
- Aqueles que superen a actividade, recibirán o correspondente diploma acreditativo expedido pola compañía.
Cerceda, a 25 de xaneiro de 2019.- Sogama inicia o vindeiro luns, 28 de xaneiro, o curso online que, baixo o título “A educación ambiental, unha aposta de futuro”, dirixe ao persoal dos concellos adheridos ao seu modelo de xestión.
Aínda que dimensionado para 50 prazas, dado o elevado número de solicitudes, a empresa pública decidiu incrementar a cota de admisión ata un máximo de 10 prazas máis, chegando ás 60.
Alcaldes, concelleiros, técnicos e auxiliares de concellos das catro provincias decidiron participar nesta actividade formativa para enriquecer e complementar os seus coñecementos na materia, conscientes de que as estratexias educativas e de concienciación no ámbito da xestión dos residuos urbanos resultarán imprescindibles para alcanzar os obxectivos europeos no ámbito da redución, a reutilización e a reciclaxe.
Con 30 horas lectivas, chegará ao seu fin o próximo 11 de marzo e impartirase integramente a través da plataforma pedagóxica de Sogama “Caderno Verde” (www.cadernoverde.gal)
PROGRAMA E AVALIACIÓN
O programa está configurado por dez temas que impartirán dous técnicos ao servizo de Sogama, encargados igualmente das funcións de titoría e atención ao alumnado.
Entre outros contidos, indagarase na historia e marco lexislativo da educación ambiental, perfilarase a figura do educador, desgranarase o concepto de economía circular, abundarase na importancia da formación de cidadáns conscientes e responsables, e tamén abordaranse as técnicas, estratexias e deseño de actividades e materiais didácticos.
Como non podía ser doutra forma, recordarase o principio europeo dos tres erres e daranse unhas pinceladas sobre as políticas de educación ambiental no sistema Sogama, dando conta de diferentes campañas e iniciativas que resultaron exitosas.
A avaliación individual de cada tema levarase a cabo a través dunha proba tipo test. Os que superen o curso recibirán o correspondente diploma acreditativo expedido pola Sociedade Galega do Medio Ambiente.
Adicionalmente, habilitouse un foro que os titores irán alimentando cada día con novas de actualidade e novidades de interese vinculadas aos temas impartidos a fin de que os participantes poidan trasladar os seus comentarios e se xere un diálogo que propicie o intercambio de coñecementos e experiencias, facendo realidade a necesaria aprendizaxe mutua.
EXPERIENCIA AVALADA POR RESULTADOS POSITIVOS
Sogama conta xa cunha gran bagaxe neste tipo de formación. Non en van, promoveu e materializou 13 cursos online, tanto básicos e xerais, sobre xestión e tratamento de residuos urbanos, así como avanzados e específicos sobre economía circular nos que participaron máis de 700 persoas de distintos perfís.
Mentres que unha parte deles canalizáronse a través da súa plataforma Caderno Verde, outros leváronse a cabo través do propio CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
En todos os casos, as enquisas de avaliación, tamén online, voluntarias e anónimas, tiveron uns excelentes resultados, de aí que a empresa se esforxe ano tras ano en achegar este tipo de iniciativas a distintos públicos.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación