- Organizado por CLUERGAL, o obxectivo deste evento é debullar, coas achegas de relatores de alto nivel, a cidade do futuro: eficiente, sostible, verde e humanizada
- Cunha duración de tres días, o evento, que culminará o vindeiro venres, 6 de outubro, desenvólvese na Cidade da Cultura (Edificio CINC) de Santiago de Compostela
- Os contidos do programa viran ao redor de seis eixos temáticos: enerxía, sostibilidade, iluminación, mobilidade, parques e infraestruturas
Cerceda, a 4 de outubro de 2023.- Esta mañá arrincou a segunda edición do Simposium “Urban Solutions”, que organiza CLUERGAL (Agrupación industrial de Enerxías Renovables de Galicia) e cuxo obxectivo é debullar, coas achegas de relatores de alto nivel, a cidade do futuro, que, en todo caso, debe ser eficiente, sostible, verde e humanizada.
Cunha duración de tres días, o evento, que culminará o vindeiro venres, 6 de outubro, desenvólvese na Cidade da Cultura (Edificio CINC) de Santiago de Compostela tras unha exitosa primeira edición que o ano pasado tivo lugar no Círculo de Empresarios de Vigo.
Os contidos do programa distribúense en seis eixos temáticos: enerxía, sostibilidade, iluminación, mobilidade, parques e infraestruturas, contando para isto con expertos en cada unha das materias. En concreto, as sesións desenvolvidas no día de hoxe viraron ao redor da transición enerxética nos territorios, incluíndo os novos modelos enerxéticos en edificios, e a mobilidade, contemplándose igualmente unha visita ás instalacións técnicas da Cidade da Cultura.
Parques, infraestruturas e mobilidade
A xornada de mañá, 5 de outubro, centrarase nos parques urbanos, as infraestruturas e a sostibilidade nas cidades, reservando un espazo para a entrega dos II Premios de Parques Urbanos. Xa o día 6, a atención concentrarase na iluminación, procedéndose ao acto de entrega dos premios correspondentes.
O Simposium complementarase cunha zona para a exposición de equipamentos e produtos relacionados coas temáticas abordadas no evento, constituíndo tamén unha oportunidade para o networking.
Toda a información en www.urbansimposium.com
Saúdos, Departamento de Comunicación