- O obxectivo é comprobar o estado dos distintos proxectos de reciclaxe, supervisando o desenvolvemento dos mesmos e prestando asesoramento
- Para levar a cabo as súas iniciativas, os colexios contan cos medios, tanto materiais como didácticos, proporcionados por esta empresa pública
- Sogama realizará unha nova visita aos colexios o próximo mes de maio, que será aproveitada para caracterizar os contedores que conforman as illas de reciclaxe e cuantificar desta forma a porcentaxe de propios e impropios
Cerceda, a 15 de marzo de 2022.- No ecuador do curso académico e, tras as sesións formativas impartidas a principios deste ano nos centros de primaria adscritos ao programa educativo “Recíclate con Sogama” 2021-2022, en días pasados, os educadores ao servizo desta empresa pública iniciaron a segunda visita de seguimento. O obxectivo da mesma é comprobar o estado dos distintos proxectos de reciclaxe abordados por cada colexio, supervisar o desenvolvemento dos mesmos, prestar asesoramento, tomar nota dos seus comentarios e propostas, e, por suposto, resolver as dúbidas de docentes e escolares.
Ao longo deste tempo comprobouse que a reciclaxe está plenamente asentada en todos os colexios participantes e que cada un ten as súas propias dinámicas para instruír e concienciar ao alumnado nas boas prácticas vinculadas ao principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Máis aló da separación dos refugallos por tipoloxías e posterior depósito dos mesmos nos diferentes contedores de recollida selectiva, Sogama incidiu igualmente na redución do lixo que producimos cada día e vías para logralo, como é o caso do consumo responsable, a adquisición de produtos co menor envase e embalaxe posible, as compras a granel, etc. Tamén explicou a importancia de reutilizar os artigos, é dicir, de alongar a súa vida útil ata que acaban convertidos en residuos para transformarse de novo, nun proceso de economía circular, en recursos se utilidade, contribuíndo con iso ao aforro de enerxía e materias primas.
DOTACIÓN DE MEDIOS
O programa “Recíclate con Sogama”, que este curso alcanza a súa décima edición, enmárcase no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, que ten por obxecto a educación en valores.
Para levar a cabo as súas iniciativas, os centros participantes contan cos medios materiais e didácticos proporcionados por esta empresa pública. Entre estes, destacan as illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de recollida selectiva (amarelo, azul e verde convencional), así coma os composteiros, subministrados a aqueles que contan con servizo de comedor ou que producen unha elevada cantidade de materia orgánica procedente das merendas.
A compañía tamén lles proporcionou recursos divulgativos e lúdicos (vídeos, presentacións, xogos físicos e en liña, guías didácticas, etc) co obxectivo de que os pequenos reforcen e complementen os seus coñecementos na correcta xestión dos residuos.
PRÓXIMA VISITA
Sogama realizará unha nova visita aos centros durante o mes de maio, que será aproveitada para caracterizar os contedores que conforman as illas de reciclaxe e cuantificar desta forma a porcentaxe de propios e impropios, é dicir, acertos e erros á hora de clasificar os distintos materiais que conforman o lixo producido cada día. O resultado servirá de referente para puntuar a calidade da selección de refugallos.
Cada colexio debe plasmar o traballo realizado durante todo o curso nunha memoria que presentará a través da plataforma informática do Plan Proxecta, e que será avaliada por representantes da Consellería de Educación e de Sogama.
Saúdos, Departamento de Comunicación