- Baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, foi deseñado para docentes de infantil, primaria e ESO, e desenvolverase a través da plataforma PLATEGA da Consellería de Educación
- Cada un dos temas a tratar (10 en total) irá asociado a unha proba tipo test que os participantes deben superar, completándose a avaliación cunha actividade final sobre os tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
- Sogama xa impartiu 15 cursos en liña dirixidos a distintos colectivos sociais, destinando 8 deles a docentes de diferentes niveis educativos.
Cerceda, a 23 de febreiro de 2021.- Sogama, a través da plataforma PLATEGA da Consellería de Educación, activa un novo curso en liña orientado ao profesorado de infantil, primaria e ESO dependente da Xunta de Galicia.
Baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, os principais obxectivos desta actividade formativa son que os docentes tomen conciencia da importancia que ten a educación ambiental como elemento transversal no currículo académico e como ferramenta prioritaria na transición que a sociedade debe realizar cara á economía circular, abandonando o caduco e obsoleto sistema de economía lineal, caracterizado precisamente polas malas prácticas de extraer, usar e tirar; que coñezan as características do modelo circular e como contribuír ao mesmo desde a xestión sostible dos residuos, a loita contra o cambio climático, a conservación da biodiversidade e o uso eficiente dos recursos naturais; e que accedan a instrumentos didácticos e divulgativos de interese para colaborar na protección do medio ambiente desde as aulas e fóra delas.
TEMÁTICAS E AVALIACIÓN
Con 30 horas lectivas, as temáticas a abordar son un total de dez:
1.-A educación ambiental: concepto, proxección e alcance.
2.- Da economía lineal á economía circular: o reto dunha sociedade circular.
3.- A figura do educador ambiental: competencias, habilidades e aptitudes.
4.- Consumo responsable, consciente e informado.
5.-Loita contra o cambio climático desde o coñecemento e as boas prácticas.
6.- As ecoescolas: un paso adiante na construción dun futuro sostible.
7.- Xestión responsable dos residuos urbanos. Pormenores do modelo Sogama: labor en Galicia.
8.- Programa de educación ambiental no sistema Sogama.
9.- Deseño de accións ambientais e materiais didácticos de referencia.
10.- Hora de actuar: cara a unha sociedade da sostibilidade.
Cada tema irá asociado a unha proba test, que os participantes deben superar, completándose a avaliación cunha actividade final sobre os tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
REFORZO DA FORMACIÓN EN LIÑA
Sogama xa impartiu 15 cursos en liña dirixidos a varios colectivos sociais, destinando 8 deles a docentes de distintos niveis educativos e especialidades co fin de profundar en áreas tales como a correcta xestión dos residuos urbanos, a economía circular e a educación ambiental.
Como vén sendo habitual, a actividade estará titorizada por dous técnicos de Sogama, que serán os encargados de organizar os contidos, guiar aos participantes, abordar novas de actualidade vinculadas ao curso e solventar dúbidas.
Desde o inicio da pandemia, a compañía reforzou a formación en liña con distintos recursos didácticos a fin de dar continuidade, coas maiores garantías, ao seu labor educativo e pedagóxico.
Saúdos, Departamento de Comunicación