- O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 20 de novembro e pódese realizar en liña desde a páxina green-alley-award.com
Cerceda, a 21 de setembro de 2023.- O concurso Green Alley Award, promovido por ERP e a súa matriz, Grupo Landbell, arrinca a súa décima edición buscando, un ano máis, as startups europeas coas ideas de negocio máis innovadoras e enfocadas nas áreas de reciclaxe, prevención de residuos e solucións dixitais para a economía circular
O premio, creado en 2014 e dotado con 25.000 euros para o gañador, busca startups que estean a piques de lanzar os seus produtos ou servizos, ou que xa se atopen en fase de crecemento e queiran expandirse a outros mercados europeos.
O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 20 de novembro e pódese realizar en liña desde a páxina green-alley-award.com
Como nas anteriores edicións, un total de seis startups serán seleccionadas para competir na gran final de Berlín, en abril de 2024. Cinco delas serán elixidas polo comité experto da organización, mentres que a sexta será nomeada nunha votación pública, de entre un grupo preseleccionado.
O pasado ano, presentáronse ao Green Alley Award un total de 226 proxectos procedentes de 25 países europeos. España, con 20 candidaturas, situouse na cuarta posición na clasificación de países con maior número de proxectos en concurso, unicamente por detrás de Alemaña, Italia e Reino Unido. Os principais fluxos de residuos nos que se focalizaron a maioría dos proxectos presentados abarcaban solucións para téxtiles, municipais, de envases e de alimentación.
Fonte e imaxe: Green Alley Award