- O obxectivo é que alumnos e profesores interioricen os principios que deben rexer a xestión sostible dos residuos urbanos, coñezan con máis detalle o modelo Sogama e colaboren na aplicación do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Cerceda, a 11 de xaneiro de 2021.- Tralo paréntese de Nadal, esta empresa pública reactiva o seu programa educativo “Recíclate con Sogama” 2020-2021, enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e faino abordando o calendario de formacións nos colexios adscritos a esta iniciativa.
Trala recollida de datos durante a primeira visita realizada polos educadores de Sogama a cada centro, procedeuse á dotación de medios materiais (contedores para a recollida selectiva de residuos e composteiros), abríndose agora un período de formación para que alumnos e profesores interioricen os principios que deben rexer a xestión sostible dos residuos urbanos, coñezan con máis detalle o modelo Sogama e colaboren, tanto desde o colexio como desde os seus fogares e contorna social, na aplicación do principio dos tres erres: na redución da produción de refugallos, a través dun consumo responsable; na reutilización, alongando a vida útil dos produtos; e na reciclaxe, mediante unha correcta segregación dos materiais en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes.
Respectando todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias no marco da Covid, a meirande parte dos centros optaron por que as formacións teñan lugar de forma presencial, se ben Sogama dispón de distintos recursos online complementarios e outros que ata poderían suplir as charlas presenciais no caso de que así o requirisen os centros.
Adicionalmente, durante os próximos meses a empresa proporcionará aos colexios participantes distintas ferramentas pedagóxicas de apoio para que poidan desenvolver os seus proxectos de reciclaxe con maiores garantías.
- 3 da provincia de Lugo: CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove; CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos; e CEIP Plurilingüe do Corgo.
- 5 da provincia de Pontevedra: CEIP Plurilingüe A Florida, de Sanxenxo; CEIP de Vilaxoán, de Vilagarcía de Arousa; CEIP Antonio Carpintero, de Arbo; CEP Altamira, de Salceda de Caselas; e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo.
- 1 de Ourense: CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense cidade.
- 1 da provincia da Coruña: CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol.
Saúdos, Departamento de Comunicación