- Terán unha duración de tres días e incluirán debates sobre as medidas de recuperación eficaces e inclusivas para facer fronte aos efectos da pandemia do COVID-19, ademais de explorar orientacións políticas viables para a plena implementación da Axenda 2030 e os ODS a todos os niveis
Cerceda, a 17 de xullo de 2023.- Desde o pasado 10 de xuño celébrase, na sede da ONU, en Nova York, e baixo os auspicios do Consello Económico e Social, o Foro Político de Alto Nivel sobre Desenvolvemento Sostible, erixíndose na principal plataforma de seguimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Ministros, representantes de alto nivel, organizacións intergobernamentais, entidades da ONU e outras partes implicadas, terán a oportunidade de intercambiar experiencias, leccións aprendidas, orientacións políticas, accións transformadoras e iniciativas para acelerar o plan encamiñado a un mundo mellor de aquí a 2030.
No marco deste Foro inclúese a serie de sesións ministeriais de tres días de duración (desde hoxe ata o día 19 de xullo) para quentar motores de cara ao Cume dos ODS de setembro. Así, e ao redor da temática central «Acelerar a recuperación da enfermidade por coronavirus (COVID-19) e implementar plenamente a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible a todos os niveis”, os participantes poderán seguir debatendo sobre as medidas de recuperación eficaces e inclusivas coas que facer fronte aos efectos da pandemia nos ODS e explorar orientacións políticas viables para a plena implementación da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a todos os niveis.
O Foro tamén revisará en profundidade os Obxectivos 6 sobre auga limpa e saneamento, 7 sobre enerxía asequible e limpa, 9 sobre industria, innovación e infraestrutura, 11 sobre cidades e comunidades sostibles, e 17 sobre alianzas para os Obxectivos.
Fonte e imaxe: ONU
Saúdos, Departamento de Comunicación