- Baixo o lema “REORGAnicémonos”, ambas entidades levarán a cabo unha campaña na que se prestará especial atención á recollida selectiva da materia orgánica a través do contedor de tapa marrón, sen esquecer a importancia que ten a aplicación efectiva, por parte da cidadanía, do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
- Para isto contará cun punto informativo a pé de rúa, atendido por educadores medioambientais, mediante o cal se informará e asesorará aos transeúntes sobre a xestión sostible de residuos, proporcionándolles material divulgativo de apoio.
- O punto informativo estará activo durante dous días. O 26 de novembro, en Meicende (Cruce da Travesía de Meicende con Travesía de Meirás) e, o 27, na Praza do Balneario.
Cerceda, a 25 de novembro de 2020.- O Concello de Arteixo, co apoio de Sogama, participará na Semana Europea da Prevención de Residuos 2020 co obxectivo de formar e concienciar aos cidadáns na xestión sostible dos residuos urbanos, prestando especial atención á importancia que ten a colaboración da poboación para diminuír a produción de lixo, para alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e para propiciar o reciclado a través dunha correcta segregación dos refugallos en orixe.
PUNTO INFORMATIVO A PÉ DE RÚA
Baixo o lema “REORGAnicémonos”, levarase a cabo unha campaña a pé de rúa, que tomará a forma de punto informativo, a través do cal educadores especializados ao servizo de Sogama informarán e asesorarán aos transeúntes sobre as boas prácticas vinculadas ao principio dOs tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), toda vez que a prevención e o consumo responsable constitúen o cimento sobre o que se sustenta unha correcta xestión dos residuos, debendo complementarse coa separación dos mesmos e o seu posterior depósito nos contedores de recollida selectiva a fin de propiciar a súa transformación en novos produtos. Isto fará posible un notable aforro de enerxía, materias primas e recursos.
O punto informativo de Arteixo estará activo durante dous días. O 26 de novembro en Meicende (Cruce da Travesía de Meicende con Travesía de Meirás), de 08:30 a 14:30 h, e o día 27, na Praza do Balneario, de 11:00 a 18:00 h.
Ademais das explicacións proporcionadas polos monitores, entregarase aos visitantes material didáctico que lles servirá de axuda para mellorar a selección de refugallos nos seus fogares e propiciar o seu conversión en recursos, conforme aos preceptos da economía circular.
Neste marco, prestarase especial atención á segregación da materia orgánica, concretando os materiais que deben introducirse no contedor da tapa marrón a fin de que o compost obtido na planta de compostaxe sexa de alta calidade e cumpra cos requisitos esixidos pola normativa vixente para ser aplicado con garantías na agricultura e xardinería.
Así mesmo, aproveitarase a ocasión para recordar os materiais a acoller polo resto dos contedores (de tapa azul, para o papel e cartón; de tapa verde, para os envases de vidro; de tapa amarela, para os envases de plástico, latas e briks; e contedor gris, para a fracción resto, é dicir, a parte do lixo que non se pode reciclar).
SOBRE A SEMANA EUROPEA DA PREVENCIÓN DE RESIDUOS
A Semana Europea da Prevención de Residuos (EWWR), na que Sogama veu participando durante os últimos anos, dou comezo o pasado 21 de novembro e estará en vigor ata o vindeiro domingo 29. Constituye a maior campaña para concienciar sobre a prevención de residuos en Europa, aglutinando a todo tipo de colectivos (cidadáns, escolas, empresas, ONG, asociacións), que se encargan de organizar actividades vinculadas ao principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
O que fai especial esta semana son os esforzos investidos por milleiros de voluntarios que difunden a mensaxe sobre consumo sostible e economía circular nas súas comunidades.
O Comité Directivo da EWWR 2020 está conformado por distintas entidades, entre as que figuran ACR+ (Asociación de Cidades e Rexións para a xestión sostible dos recursos), a Comisión Europea e o Comité Europeo das Rexións.
Imaxe: EWWR