- Silvio Romano, director de Xestión Integral de Residuos da Secretaría de Estado de Ambiente da provincia de Santa Cruz, en Arxentina, visitou o Complexo Medioambiental de Cerceda para coñecer o seu funcionamento.
- Tivo tamén un encontro co presidente e o director xeral desta Sociedade pública, Javier Domínguez e Isidro García respectivamente.
- Mostrou a súa admiración pola firme aposta que Sogama fixo polo transporte ferroviario e desprazouse a Lugo para coñecer a operativa da planta de transferencia.
Cerceda, a 22 de maio de 2019.- Silvio Romano, director de Xestión Integral de Residuos da Secretaría de Estado de Ambiente da provincia de Santa Cruz, en Arxentina, viaxou estes días a Galicia para coñecer en primeira persoa o modelo Sogama tras contactos previos online nos que mostrou interese en ver e comprobar o funcionamento da súa infraestrutura industrial.
O carácter integral do sistema Sogama, baseado na aplicación prioritaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da fracción non reciclable, converténdoa en electricidade, chamou a atención de Romano ao garantir o máximo aproveitamento do residuo e a súa conversión en recurso, conforme aos preceptos da economía circular.
O Director de Residuos da provincia arxentina mantivo unha reunión co presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e o director xeral, Isidro García, con quen departiu e intercambiou impresións e experiencias que as partes consideraron de utilidade para mellorar a xestión dos residuos nos seus respectivos territorios.
Silvio Romano tivo a oportunidade de realizar un percorrido guiado polo Complexo Medioambiental cercedense e comprobar as obras de ampliación do mesmo, que culminarán a mediados de ano e que contemplaron a posta en marcha dunha planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, todo unha icona no ámbito da innovación ambiental aplicada a residuos e que entrou en funcionamento o pasado mes de novembro, así como as instalacións que conforman o resto deste recinto de 62 hectáreas, incluíndo a antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, en fase de remodelación, a planta de clasificación de envases lixeiros e as plantas de coxeración e termoeléctrica.
Coa ampliación, Sogama logrará tratar, en condicións óptimas, todos os residuos procedentes dos 295 concellos adheridos ao seu modelo, multiplicando por catro a súa achega á reciclaxe e reducindo o vertido ao 10% en 2020, esixencia do Parlamento Europeo para todos os Estados membros no ano 2035.
LOXÍSTICA E TRANSPORTE
Un dos aspectos que máis chamou a atención a Romano foi a loxística e o transporte por ferrocarril, valorando de forma moi positiva a firme aposta desta empresa pública pola promoción dun medio máis respectuoso co medio ambiente, con menores emisións de CO2, maior sincronización horaria, menor sinistralidade e menores molestias cidadás.
Non conforme, o representante da provincia de Santa Cruz quixo visitar tamén unha das plantas de transferencia que conforman a ampla rede de Sogama distribuída por toda Galicia, neste caso a de Lugo, xunto coa propia terminal do tren, podendo comprobar o seu funcionamento e o servizo que presta aos concellos limítrofes, toda vez que serve de nódulo de transvase dos residuos desde os camións de recollida municipal a contedores de maior capacidade, aptos para ser transportados, por tren ou estrada, e nas mellores condicións, ata Cerceda.
Saúdos, Departamento de Comunicación