- A empresa pública entregou ao concello 50 composteiros, con capacidade para 400 litros, a fin de que sexan repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares con terreo.
- Con isto, o ente local pretende recuperar unha práctica afianzada no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, cómoda e hixiénica.
- Sogama tamén remitiu ao concello manuais de autocompostaxe para repartir entre os veciños participantes e impartirá un curso de formación en data a concretar polas partes.
Cerceda, a 18 de maio de 2021.- O Concello de Arzúa (A Coruña) adheriuse ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama a fin de que a autoxestión da materia orgánica nos domicilios se vaia instaurando de forma progresiva.
A empresa pública entregou ao ente local 50 composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables), que serán distribuídos entre outras tantas vivendas. Requisito imprescindible é que estas sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando in situ o círculo de aproveitamento dos restos orgánicos e, polo tanto, evitando que acaben depositados no contedor verde convencional.
Con isto, ademais de diminuír a frecuencia de recollida e transporte de residuos, coa conseguinte redución de emisións de CO2 á atmosfera, minóranse as cantidades de refugallos entregadas a Sogama para o seu tratamento final.
Esta iniciativa permite recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Xunto cos composteiros, Sogama remitiu ao concello manuais didácticos de apoio nos que se describe, de forma pormenorizada, a operativa a seguir: desde a ubicación do recipiente, que debe estar nunha zona protexida e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden e non poden introducirse no mesmo, e o control de parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura.
En última instancia, o obxectivo é que os veciños obteñan un compost de calidade, libre de impurezas e que poida ser aplicado na agricultura e a xardinería con garantías e sen restricións.
Técnicos de Sogama impartirán tamén un curso de formación, en data a concretar polas partes, para que os usuarios poidan reforzar os seus coñecementos e despexar dúbidas.
Máis información en www.compostaconsogama.gal.
Saúdos, Departamento de Comunicación