- Os seus integrantes tiveron a oportunidade de efectuar un percorrido virtual polos distintos recunchos desta infraestrutura e complementalo con outro a pé que lles permitiu comprender, con máis precisión, o tratamento que recibe cada fracción de residuos que se atopa baixo a competencia de Sogama
- O interese e a elevada participación dos membros deste colectivo pontevedrés púidose constatar en todo momento, xa que mesmo se animaron a contar e compartir moitas experiencias persoais relacionadas coa separación de residuos
Cerceda, a 21 de xaneiro de 2025.- Unha trintena de integrantes da Asociación de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas Pontevedra, viaxaron a Cerceda (A Coruña) movidos polo interese en coñecer os pormenores do sistema Sogama e tamén co obxectivo de aprender a xestionar os residuos que producen cada día de forma sostible e respectuosa coa contorna.
Coa axuda de educadores especializados, tomaron boa nota da problemática inherente á elevada produción de lixo, como reducilo a través dun consumo consciente e responsable, como alongar a vida útil dos produtos e como separalos por tipoloxías, unha vez convertidos en refugallos, para que sexan convertidos en novas materias primas, resultando crave depositalos nos contedores correspondentes.
Equipados con lentes inmersivos 360º, mostráronse entusiasmados coa visita virtual polas distintas plantas que integran o Complexo Medioambiental, xa que lles permitiu comprender o tratamento que recibe cada fracción de residuos que chega a esta infraestrutura e a importancia da colaboración cidadá.
No caso da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), os residuos que a conforman son seleccionados mecanicamente nunha planta de clasificación para ser remitidos posteriormente aos centros recicladores, onde cobran unha nova vida.
Da bolsa negra (resto) tamén se extraen, nunha planta dotada con tecnoloxía 4.0, os refugallos que poden ser reciclados, acondicionando, a partir dos non reciclables, un combustible CDR que abastece unha planta termoeléctrica para xerar enerxía eléctrica renovable, poñéndoa en valor e evitando a súa vertedura.
O percorrido virtual complementouse cun guiado a pé no que o grupo puido constatar todo o explicado na aula ambiental, así como tomar conciencia da magnitude dunha industria ambiental que dá emprego por centos de persoas, e que se caracteriza pola súa plena integración na contorna, así polo rigoroso cumprimento da normativa e o seu compromiso coa sociedade.
Contedor marrón
Durante a charla, abordouse tamén a compostaxe da fracción orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, indicando que, para este fin, Sogama dispón dunha rede de infraestruturas conformada por catro plantas de biorresiduos (Vilanova de Arousa, Cervo, Verín e Cerceda) e trece de transferencia específicas. O obxectivo destas 17 instalacións, ás que a Xunta, a través de Sogama, destinou un investimento de 45 millóns de euros (30 millóns procedentes dos Fondos FEDER) é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295), dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
O interese e a elevada participación dos membros do colectivo pontevedrés púidose constatar en todo momento, xa que mesmo se animaron a contar e compartir moitas experiencias persoais relacionadas coa separación de residuos.
Respecto da planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, e que está dotada con tecnoloxía 4.0, aplaudiron que esta fose subministrada por unha empresa galega, convencidos de que a innovación ambiental en Galicia tamén pode ser un motor para o crecemento e a sostibilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación