- Tras unha sesión formativa impartida por educadores especializados, e na que se desgranaron as boas prácticas ambientais aplicadas a residuos, o grupo efectuou un percorrido guiado polas instalacións que conforman o Complexo industrial cercedense.
Cerceda, a 26 de febreiro de 2020.- Membros de Alecrín-Asociación de Mulleres Rurais da Comarca de Melide (A Coruña) visitaron esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda movidos pola inquietude de coñecer in situ o tratamento que reciben os residuos urbanos producidos na meirande parte do territorio galego.
Con esta xornada pretendían despexar as súas dúbidas en torno á reciclaxe e tomar boa nota das medidas a aplicar para colaborar activamente nunha xestión máis sostible dos refugallos.
É por isto que os educadores de Sogama impartiron unha sesión formativa previa na aula medioambiental da entidade para profundar na problemática que representa a xeración de lixo, como contribuír a reducir residuos e como xestionalos correctamente a través da aplicación efectiva do principio dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe, resultando fundamental o consumo responsable.
Así mesmo, aproveitouse a ocasión para detallar o que debe e non debe depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva, dando conta igualmente das oportunidades ambientais, económicas e sociais que representa a reciclaxe da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Acto seguido, o colectivo realizou un percorrido guiado polas instalacións que conforman o complexo cercedense, onde os seus integrantes tiveron a oportunidade de ver e comprobar por si mesmos o tratamento que reciben as dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama: bolsa amarela (envases lixeiros), que se separa por tipoloxías nunha planta mecanizada de clasificación para remitir á industria transformadora; e bolsa negra, da que tamén se extraen, a través de tecnoloxías de última xeración, os materiais susceptibles de ser reciclados, convertendo o resto nun combustible derivado de residuos (CDR) co que a compañía produce a electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación