
- FEAD celebra a ambición do Clean Industrial Deal de posicionar á UE como líder mundial en economía circular para 2030, pero considera que «se require un conxunto de medidas contundentes para garantir que os materiais reciclados sexan máis competitivos fronte aos virxes no mercado da UE»
Cerceda, a 7 de marzo de 2025.- A Asociación Europea de Xestión de Residuos, FEAD, celebrou a recente publicación do acordo para unha industria limpa por parte da Comisión Europea (Clean Industrial Deall), e, en particular, a súa ambición de posicionar á UE como líder mundial en economía circular para 2030, xa que recoñece especificamente que a circularidade é clave para maximizar os recursos limitados de Europa, reducir a dependencia, aumentar a resiliencia e crear un modelo industrial máis competitivo e con baixas emisións de carbono.
Con todo, para que a circularidade sexa realmente unha prioridade, FEAD considera que «se require un conxunto de medidas contundentes para garantir que os materiais reciclados sexan máis competitivos fronte aos virxes no mercado da UE». Neste sentido, apoia firmemente a contratación pública ecolóxica obrigatoria e os obxectivos de contido reciclado para impulsar a demanda de materiais recuperados, pero indica que «estes obxectivos non deben diluírse mediante a inclusión de residuos preconsumo ou materiais de base biolóxica, xa que estes últimos a miúdo proveñen de fontes virxes e non contribúen á verdadeira circularidade».
Así mesmo, considera que a circularidade non debe verse limitada por «restricións artificiais» coma os requisitos de reciclaxe en circuíto pechado ou os impostos á exportación de residuos. En lugar de taxas á exportación, «a UE debería incentivar o mantemento de materiais valiosos dentro de Europa a través de medidas económicas positivas, garantindo que a reciclaxe permaneza no mercado europeo de forma competitiva».
Unha das claves do Clean Industrial Deal é o apoio ás industrias que consomen moita enerxía e ao sector das tecnoloxías limpas, pero FEAD considera que «as industrias de reciclaxe tamén deben beneficiarse duns custos enerxéticos máis baixos». Moitos procesos de reciclaxe, como a de plásticos, requiren elevados insumos enerxéticos. «Apoialos mellorará a competitividade do sector e, en consecuencia, reducirá a dependencia das materias primas virxes».
A organización insiste en que os materiais reciclados producidos en Europa deben ter prioridade sobre os virxes e as reciclados non certificados procedentes de terceiros países.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay