- Así se pronunciou a directora xeral de Sogama con motivo da súa participación no I Encontro sobre Economía Circular en Galicia, promovido polo MITERD e celebrado en Vigo
- Durante a súa alocución, Mirta Sueiro apelou á necesidade de dotar de maior intelixencia á infraestrutura industrial desta compañía para incrementar a porcentaxe de recuperación e incorporar igualmente novas liñas de proceso que permitan recuperar novos materiais
- Trátase dun investimento que, tal e como sinalou, debe ir aparellado ao labor que Sogama leva a cabo na concienciación da cidadanía e na prestación dun servizo público de máxima calidade, pero co menor custo para as familias
- Así mesmo, demandou un maior reforzo e ampliación das axudas destinadas a instalacións intermedias de tratamento de residuos e que as empresas públicas poidan acceder ás mesmas
Cerceda, a 24 de febreiro de 2023.- No marco do I Encontro sobre Economía Circular en Galicia que, promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD), en colaboración co Club de Excelencia en Sostibilidade, tivo lugar na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo, a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, puxo de relevo a folla de roteiro emprendido por esta compañía pública para ser unha empresa plenamente circular e reverter no cidadán da comunidade galega todo o seu potencial ambiental, económico e social.
Disto deixou constancia durante a súa intervención na mesa redonda moderada por Susana Pérez-Amor, vocal asesora do MiTERD, e na que tamén participou a xerente de Viratec (Agrupación industrial Galega de Solucións Ambientais e Economía Circular), Ana Botas.
No transcurso da súa alocución, Sueiro puxo en valor os esforzos investidos por Sogama no ámbito da circularidade, como poden ser, entre outros, a recuperación de materiais contidos na bolsa negra mediante procesos automáticos que operan en liña coa industria 4.0. Non obstante, precisou que “se queremos ser circulares, temos que dotar ás nosas instalacións de maior eficiencia para poder incrementar as porcentaxes de recuperación e cumprir así cos ambiciosos obxectivos europeos de reciclaxe para os próximos anos”, ao que engadiu que “isto implica automatizar e dixitalizar os nosos procesos, pero sen esquecer que debemos seguir formando, concienciando e sensibilizando á poboación, e seguir prestando un servizo público de máxima calidade, e, ademais, debemos ser quen de conxugar todos estes factores de tal forma que o custo para as familias sexa o menor posible”. En consecuencia, e tal e como precisou, “conseguir un equilibrio entre todas estas variables non é tarefa doada”.
AMPLIACIÓN DE AXUDAS A EMPRESAS PÚBLICAS
Aínda que é consciente de que os fondos comunitarios constitúen un apoio, demandou un maior reforzo e ampliación das axudas destinadas a instalacións intermedias de tratamento de residuos, pois “necesítase investir en infraestruturas”, á vez que demandou que as entidades públicas, como é o caso de Sogama, tamén poidan acceder a axudas e conten con recursos para poder preparar as solicitudes, xa que os equipos de persoal non están dimensionadas para isto. Como resultado, apuntou que “moitas veces non podemos aproveitar todo o que se pon a disposición”.
FOLLA DE ROTEIRO
Respecto da folla de roteiro deseñada por Sogama para os próximos anos, a directora xeral indicou que os obxectivos da empresa están claros e que agora queda concretar e articular a forma de alcanzalos. E para isto considera de gran relevancia reforzar a relación entre todos os membros do sector dos residuos, de tal forma que “actuemos de forma coordinada e óptima, pero non só entre nós, senón que promovamos a simbiose industrial e empecemos a abrirnos e a colaborar con outros sectores”. Neste sentido, urxiu tamén a axudar aos concellos, e non unicamente desde a dimensión económica, senón dotalos do asesoramento técnico necesario para que poidan mellorar e optimizar a súa xestión de residuos.
Así mesmo, apuntou á necesidade de traballar nun ecosistema do coñecemento capaz de desenvolver tecnoloxía que incremente a porcentaxe de recuperación e mellore o ecodeseño dos produtos para alongar a súa vida útil, minimizar o seu impacto ambiental e que sexan facilmente reciclables.
Tamén puxo de relevo outros aspectos tales como promover que as materias primas secundarias poidan competir coas materias primas virxes, axilizar a tramitación do fin de condición de residuo, impulsar a compra pública verde e, moi importante, investir en rastrexabilidade do residuo, pois “resulta esencial dispoñer de datos para saber que teclas hai que tocar”, remachou.
O Encontro desenvolvido en Vigo o pasado 23 de febreiro, erixíase na primeira cita dun ciclo de xornadas coas que se pretende dar a coñecer as actuacións, tanto públicas como privadas, que se están levando a cabo para cumprir coa Estratexia Española de Economía Circular 2030, ademais de divulgar os recentes cambios na Lei de Residuos e Solos Contaminados para unha Economía Circular e o Real Decreto de Envases e Residuos de Envases, entre outras novidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación