- Educadores de Sogama desenvolveron unha xornada formativa na sede social de APNED en Barreiros (Lugo), para explicar aos usuarios o impacto negativo da elevada produción de residuos e como xestionalos de forma eficiente e respectuosa co medio ambiente e a saúde
- As explicacións achegadas complementáronse con diferentes xogos a través dos cales os participantes avaliaron os seus coñecementos, tendo demostrado que están sobradamente preparados para liderar a reciclaxe nos seus fogares e contorna social
Cerceda, a 30 de maio de 2023.- En días pasados, educadores de Sogama encargáronse de desenvolver unha xornada formativa na sede de APNED (Asociación de Nais e Pais de Nenos/as con discapacidade) de Barreiros (Lugo), para ensinar a pequenos e mozos, de idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos, cales son as nocivas consecuencias da elevada produción de residuos e como podemos xestionalos de forma eficiente e respectuosa co medio ambiente e a saúde.
Co apoio de diferentes recursos didácticos e divulgativos, proporcionáronse aos usuarios as claves para reducir a xeración de refugallos en orixe, para alongar a vida útil dos produtos e para seleccionar o lixo por tipos de materiais, procedendo ao seu depósito nos contedores correspondentes. Deste xeito, garántese a súa posterior reciclaxe e, polo tanto, a súa transformación en novos produtos, que se incorporarán ao circuíto comercial cunha nova vida.
Poñendo en valor os residuos e adentrándoos no circuíto da economía circular, evitarase o consumo dos xa escasos e limitados recursos naturais.
As explicacións achegadas durante a sesión complementáronse con diferentes xogos a través dos cales os participantes tiveron a oportunidade de poñer a proba os seus coñecementos e demostrar que están sobradamente preparados para liderar a reciclaxe nos seus fogares e contorna social.
Sobre APNED
A Asociación de Nais e Pais de Nenos/as con discapacidade presta un servizo de atención, integración e apoio a todo tipo de usuarios con capacidades diferentes, traballando na súa autonomía e en aspectos relacionados coa vida diaria.
Departamento de Comunicación