- Ambos os dous entes locais solicitaron a Sogama a dotación de novas partidas de composteiros: 50 en Vimianzo, sumando 172 participantes; e 25 en Malpica, facendo un total de 65.
- Pola súa banda, os veciños do Concello de Cee, ao que esta empresa pública remitiu recentemente medio cento de composteiros, recibirán o vindeiro sábado, 10 de xullo, un curso de formación impartido por técnicos de Sogama. En Malpica terá lugar o día 24.
- A autocompostaxe permite aos municipios alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 6 de xullo de 2021.- Ante a cada vez maior demanda veciñal para participar nos programas de compostaxe doméstica municipais, os Concellos de Vimianzo e Malpica de Bergantiños (A Coruña) solicitaron a Sogama a dotación de novas partidas de composteiros coas que satisfacer as peticións realizadas por familias que desexan formar parte desta iniciativa e, polo tanto, autoxestionar a súa materia orgánica en orixe.
De acordo coas solicitudes dos dous entes locais, Sogama entregou a Vimianzo 50 novos composteiros e, a Malpica, 25, pasando a dispoñer o primeiro de 172 recipientes en operación e, o segundo, de 65.
En todos os casos esíxese que os veciños interesados habiten en vivendas unifamiliares con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de aproveitamento da materia orgánica nos propios domicilios. Trátase, en definitiva, de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Dado que os restos orgánicos representan en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se reciclan no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, circunstancia que propiciará unha diminución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, así como da cantidade de residuos a entregar a Sogama para o seu tratamento final, reducindo custos.
Ademais, técnicos de Sogama desprazaranse o vindeiro sábado, 10 de xullo, a Cee, adscrito ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama e, no marco do cal, está empresa pública entregou ao concello 80 composteiros, para impartir un curso de formación presencial destinado aos usuarios.
Dúas semanas despois, o 24 de xullo, estarán en Malpica para facer o propio e resolver as dúbidas trasladadas polos asistentes. A cita terá lugar, ás 11:00 horas, no Centro Social de Seaia.
Os interesados poden complementar os seus coñecementos neste ámbito a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.
Saúdos, Departamento de Comunicación