- Un total de 186 centros educativos das catro provincias galegas están adscritos ao programa de compostaxe de Sogama, encargándose a empresa da dotación dos medios materiais e divulgativos necesarios
- Neste marco, entregou aos colexios 235 composteiros, ademais de formar á comunidade educativa na autoxestión da materia orgánica
Cerceda, a 28 de decembro de 2022.- Co obxectivo de fomentar a autocompostaxe nas escolas e que a comunidade educativa tome conciencia da importancia que ten a recuperación da materia orgánica en orixe, dados os seus múltiples beneficios ambientais, o programa liderado por Sogama en Galicia contempla tamén a adhesión de centros escolares interesados en fomentar prácticas para a autoxestión dos restos orgánicos mediante a súa transformación en compost.
A día de hoxe, un total de 186 colexios das catro provincias galegas decidiron formar parte desta iniciativa, asumindo a Sociedade a dotación dos medios materiais e didácticos necesarios.
Neste marco, Sogama repartiu entre os mesmos 235 composteiros, con capacidade para 390-400 litros, e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Condición indispensable é que os centros conten con servizo de comedor ou ben que xeren unha cantidade importante de restos orgánicos procedentes das merendas dos pequenos. Así mesmo, deben dispoñer de terreo (horto e/o xardín) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de valorización da materia orgánica mediante a súa transformación nun abono natural de alta calidade e con excelentes propiedades fertilizantes para o chan, xa que, ademais de achegarlle nutrientes, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
O profesorado coincide en sinalar que elaborar o seu propio compost no centro representa unha oportunidade para que os escolares tomen conciencia da cantidade de refugallos orgánicos producidos cada día e das posibilidades de valorización que estes teñen, evitando que acaben no contedor xenérico.
FORMACIÓN
Os educadores de Sogama imparten nas escolas charlas sobre autocompostaxe nas que explican todo o proceso e a dinámica a seguir para obter un compost de alta calidade que cumpra cos requisitos recollidos na normativa vixente e poida ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
Ademais, en moitos casos observouse que nenos e nenas que participan nesta iniciativa, dan continuidade á mesma nos seus fogares, onde tamén se elabora abono coa materia orgánica xerada.
Cada vez son máis os centros educativos interesados en sumarse a este programa, que Sogama reforza con recursos pedagóxicos sobre a recollida selectiva de residuos en xeral, pois, máis aló da compostaxe, presta atención aos materiais que deben -e non deben- depositarse nos distintos contedores localizados nas vías públicas: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; contedor marrón, para materia orgánica (en proceso de implantación en Galicia) e convencional, para a fracción resto.
Saúdos, Departamento de Comunicación