- Unha é a planta de coxeración, que proporciona calor para o secado da parte húmida contida na fracción non reciclable, e outra a termoeléctrica, que xera a electricidade equivalente ao consumo dun 12% dos fogares galegos
- O Consello tamén aprobou declarar proxecto de interese autonómico o Complexo de Cerceda, grazas ao que Sogama poderá incrementar a súa eficiencia e propiciar así que Galicia peche o ciclo da xestión integral dos residuos urbanos
Cerceda, a 15 de xullo de 2021.- O Consello da Xunta autorizou hoxe a licitación do servizo de xestión integral das plantas de coxeración e termoeléctrica, ademais de instalacións comúns, do Complexo medioambiental de Sogama en Cerceda, por un importe de algo máis de 256 millóns de euros.
O obxectivo é seguir garantindo a valorización enerxética da parte non reciclable contida no lixo en masa e recollida a través do contedor verde convencional (bolsa negra), previo acondicionamento da mesma en forma de combustible CDR (combustible derivado de residuos), labor no que intervén a planta de coxeración a través da produción do calor necesario para o secado desta fracción. Posteriormente, o CDR alimenta as caldeiras da planta termoeléctrica, onde se xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Así, o contrato autorizado polo Consello terá unha vixencia para os vindeiros dez anos, cunha prórroga excepcional de 9 meses. A razón que xustifica este acordo de longa duración é que propicia unha explotación responsable e sustentable no tempo das distintas infraestruturas, coa particularidade de que a operación de ambas as instalacións é de elevada complexidade técnica.
O concurso recolle as seguintes tarefas: valorización enerxética dos descartes procedentes da planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa; operación e mantemento dos motores da planta de coxeración e dos vasos dos depósitos inertes e cinza; depuración das augas residuais e lixiviados orixinados nas distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental; mantemento e limpeza de captación de auga, rede de auga, rede de pluviais e rede de contraincendios e lixiviados; ademais da xestión integral do almacén de repostos.
Máxima eficiencia e protección ambiental
A xestión das plantas de coxeración e termoeléctrica realizarase baixo a consigna da maior eficiencia, o menor gasto de recursos externos e o máximo coidado ambiental.
En todo caso, o Complexo cercedense está dotado de importantes medidas de control e de protección ambiental, tanto a nivel de emisións como de depuración de augas, coas que se garante un rigoroso cumprimento da esixente normativa aplicable.
A actividade industrial desenvolvida nesta infraestrutura lévase a cabo coas tecnoloxías máis innovadoras do mercado, permitindo compatibilizar a súa actividade coa protección do medio ambiente e a saúde pública.
No caso de que estas plantas non operasen, os descartes non reciclables acabarían no vertedoiro, a última opción da xestión xerarquizada dos residuos que promulga a Unión Europea debido a seu negativo impacto sobre a contorna.
Así mesmo, a venta de enerxía permite á empresa sufragar unha parte dos custos da operación, propiciando que o canon aplicado aos concellos sexa o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España.
Proxecto de interese autonómico
Por outra banda, o Consello tamén autorizou declarar como proxecto de interese autonómico o Complexo medioambiental de Cerceda, dado o seu carácter supramunicipal, que a día de hoxe da servizo a 294 concellos, un 94% do total de Galicia ou, o que é o mesmo, a unha poboación de máis de 2.240.000 habitantes que na actualidade envían a Sogama os seus residuos urbanos.
Grazas a esta cualificación, Sogama poderá ampliar a súa actividade industrial a novos espazos, incrementando a súa eficiencia e completando o ciclo da recuperación e reciclaxe dos residuos urbanos conforme aos parámetros da economía circular. Ademais, a posta en marcha de novas instalacións para completar o circuíto da xestión sostible dos residuos tamén permitirá á entidade xerar riqueza e emprego.
Cómpre lembrar que na actualidade, aos terreos que ocupa Sogama se lle aplican as Normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cerceda, aprobadas no ano 1996, que consideran o ámbito como sistema xeral de infraestruturas. Estas Normas implican unha serie de limitacións en canto a superficie edificable, volumes e alturas máximas, condicionando calquera tipo de actuación que se pretenda levar a cabo no Complexo para mellorar as súas prestacións.
O ámbito de actuación proposto ten unha superficie de algo máis de 800.000 m2 e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais edificacións.
Fonte: Xunta de Galicia