
- En 2023, os cidadáns da UE xeraron 511 kg de residuos, cantidade menor que os dous anos anteriores, pero aínda superior á de 2013
Cerceda, a 20 de febreiro de 2025.- En 2023, os cidadáns da UE xeraron 511 kg de residuos, cifra que, se ben representa unha redución do 4,3% respecto dos dous anos anteriores, aínda continúa a ser superior á de 2013.
Os datos tamén revelan unha notable disparidade na xeración de residuos entre os países da UE. Austria e Dinamarca lideran a lista, con máis de 800 kg por persoa, seguidos por Luxemburgo con 712 kg. En contraste, Romanía, Polonia e Estonia rexistran as cifras máis baixas, con menos de 400 kg por persoa.
En canto á reciclaxe, a UE experimentou un avance significativo na última década. En 2023, reciclouse unha media de 246 kg por persoa, o que representa o 48% do total de residuos municipais xerados. Este dato contrasta co 37,2% rexistrado en 2013, cando se reciclaba unha media de 199 kg por persoa.
O tratamento de residuos na UE tamén evolucionou positivamente, véndose reducida a vertedura. En 2023, incineráronse 129 kg por persoa (25,2% do total) e 115 kg acabaron en vertedoiros (22,5% do total).
Estes datos reflicten unha tendencia positiva cara a unha mellor xestión dos residuos e un aumento na taxa de reciclaxe na Unión Europea. Con todo, é necesario seguir traballando para cumprir os obxectivos europeos na materia, é dicir, reducir a xeración de residuos, aumentar a recuperación e minimizar o impacto ambiental dos residuos.
Fonte: Eurostat
Imaxe: Pixabay