
- O obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade á profunda conexión entre as persoas e a contorna que nos rodea
- A temática central deste ano convida aos cidadáns a retratar o seu camiño cara a un futuro sostible, celebrar os avances logrados e mostrar os desafíos que configuran o mundo no que vivimos
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 30 de maio
Cerceda, a 27 de marzo de 2025.- A Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) lanzou unha nova edición do concurso de fotografía “Environment&Me” 2025. Dirixido a todos os entusiastas da fotografía ambiental, o obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade á profunda conexión entre as persoas e a contorna que nos rodea.
A temática central deste ano convida aos cidadáns a retratar o seu camiño cara a un futuro sostible, celebrar os avances logrados e mostrar os desafíos sen precedentes que configuran o mundo no que vivimos, dando resposta a como afectan o cambio climático, a contaminación e a degradación ambiental ás nosas vidas; que medidas, sexan grandes ou pequenas, están a adoptarse para enfrontar estes desafíos; e a posibilidade de captar sinais de cambio positivo e esperanza.
Xa sexa que mostre paisaxes impresionantes, recordatorios crus do dano ambiental, momentos de transformación innovadora ou actos cotiáns de coidado ambiental, a AEMA considera que as fotografías que concorran á este certame axudarán a contar a historia do noso futuro compartido.
As categorías do concurso deste ano baséanse en temas e cores.
- AZUL – Auga e eu
- VERDE – Natureza e eu
- LARANXA – A vida cotiá e eu
A axencia considera que participar neste concurso é unha forma de expresar a creatividade e o amor polo medio ambiente, coa particularidade de que, ademais de gañar interesantes premios en metálico, as instantáneas recolleranse nas publicacións da AEMA e estarán presentes en distintas actividades de comunicación.
Para isto recomenda aos candidatos que seleccionen as súas mellores fotos (un máximo de 5) e as envíen, a través dun formulario en liña, nunha ou máis categorías, antes do próximo 30 de maio. Acéptanse primeiros planos, vistas aéreas ou tomas á altura dos ollos.
Bases do concurso: https://www.eea.europa.eu/en/newsroom/photo-competitions/competition-rules
Formulario en liña: https://europeanenvironmentagency.wufoo.com/forms/environmentme
Fonte: AEMA
Imaxe: Pexels