- Terá lugar os días 13 e 14 de xuño, converténdose, un ano máis, en cita ineludible para o sector da xestión dos residuos.
- Unha das temáticas estrela deste ano será a reciclaxe de plástico, para a que se reservará unha mesa redonda na que se abordarán os grandes desafíos neste ámbito e as solucións suscitadas polo sector da recuperación.
- O evento erixirase tamén nun escaparate das últimas novidades en maquinaria e tecnoloxía ao servizo da recuperación de residuos, así como nunha oportunidade para as relacións comerciais e para coñecer de primeira man as demandas actuais do mercado.
- O congreso contemplará igualmente a celebración da Asemblea Xeral da Federación e a entrega, na tradicional Cea de Gala, dos premios “Nai Terra” e “Toda unha vida dedicada á recuperación”.
Cerceda, a 15 de maio de 2019.- O concello pontevedrés de Baiona acollerá os próximos días 13 e 14 de xuño o 17º Congreso promovido pola FER (Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe), que volverá converterse, un ano máis, en cita ineludible para o sector da xestión dos residuos ao contar coa participación das principais empresas recicladoras, dos responsables do área medioambiental en diversas Administracións Públicas e, por suposto, dalgúns dos maiores expertos en recuperación e reciclaxe.
Entre as diversas temáticas de interese deste encontro destaca a celebración dunha mesa redonda que xirará en torno aos grandes desafíos asociados á reciclaxe de plásticos e as solucións suscitadas polo sector da recuperación.
Neste sentido, Ion Olaeta, presidente de FER e, á súa vez, vicepresidente da División Europea de Reciclaxe de Plásticos (ERPB), organización de recente creación, abundará na necesidade e a gran importancia de que os gobernos teñan en consideración as propostas da industria recicladora respecto da problemática actual que se cerne en torno aos plásticos, toda vez que o sector sabe cales son os retos a abordar para dar un tratamento sostible a este material e que é o que hai que modificar e cambiar para que se poidan incrementar as súas taxas de reciclaxe conforme aos esixentes obxectivos europeos de cara aos próximos anos. Profundarase así no ecodeseño e debaterase sobre as medidas a levar a cabo para incentivar o mercado das materias primas secundarias.
O evento erixirase tamén nun exclusivo escaparate para as últimas novidades en maquinaria e tecnoloxía ao servizo da recuperación de residuos e nunha oportunidade, tal e como sinalou a directora xeral da FER, Alicia García Franco, para que os congresistas poidan reforzar as relacións cos clientes, establecer novas relacións comerciais e, por suposto, coñecer de primeira man as demandas actuais do mercado.
PREMIANDO A SUSTENTABILIDADE
O congreso acollerá igualmente a celebración da Asemblea Xeral da Federación, así como a entrega ,na tradicional Cea de Gala, dos premios “Nai Terra” e “Toda unha vida dedicada á recuperación”, cos que FER recoñece a aquelas persoas, empresas e institucións cunha longa traxectoria no ámbito da recuperación e a reciclaxe, e na defensa do desenvolvemento sostible.
Máis información en www.recuperacion.org
Saúdos, Departamento de Comunicación