- A través dun programa específico de ensino virtual, a empresa pública puido dar resposta ás necesidades formativas de distintos colectivos sociais.
- O alumnado que se acolleu a esta modalidade de aprendizaxe foi do máis diverso: desde alcaldes, concelleiros e técnicos de concellos ata membros das Forzas de Seguridade (Policía Local e Garda Civil) e profesorado de distintos niveis educativos.
- Nos bloques de coñecemento cobraron peso temáticas tales como a economía circular, o modelo Sogama, o desenvolvemento sostible, o cambio climático, a biodiversidade e a educación ambiental.
Cerceda, a 12 de agosto de 2020.- O programa de formación online despregado por Sogama saldouse, a día de hoxe, coa impartición de 15 cursos, de 30 e 50 horas lectivas, nos que participaron preto de 850 persoas.
Con esta iniciativa, a empresa pública puido dar resposta ás necesidades formativas de determinados colectivos sociais que, ben por motivos laborais ou de dispoñibilidade, non tiveron a oportunidade de visitar o Complexo Medioambiental de Cerceda ou ben asistir ás xornadas presenciais que a Sociedade leva a cabo de forma periódica en distintos puntos de Galicia.
O alumnado que se acolleu a esta modalidade formativa foi dos máis diverso: desde alcaldes, concelleiros e técnicos de concellos ata membros das Forzas de Seguridade (Policía Local e Garda Civil) e profesorado de distintos niveis educativos (infantil, primaria, ESO e Bacharelato).
Se ben a xestión sostible dos residuos urbanos estivo presente nas distintas edicións como temática central, a orientación foi diferente en cada caso, primando, en función do perfil e características dos participantes, bloques de contenidos nos que cobrou peso a economía circular, o modelo Sogama, o desenvolvemento sostible, o cambio climático, a biodiversidade e a educación ambiental.
A avaliación de coñecementos levouse a cabo a través de probas tipo test asociadas a cada tema, complementadas en determinados casos coa entrega dunha actividade final vinculada ao principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Mentres que os cursos destinados ao profesorado impartíronse a través do PLATEGA (Plataforma de Teleformación de Galicia), adscrita á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o resto dos grupos púxose a disposición a área formativa da plataforma pedagóxica de Sogama www.cadernoverde.gal.
En ambos escenarios, contouse cun foro de intercambio de experiencias e consulta de dúbidas, o que permitiu enriquecer a formación e poñer en común vivencias, actividades e modelos didácticos exitosos e extrapolables a distintos ámbitos.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación