- Coa colaboración de Sogama, o Concello de Baralla levará a compostaxe doméstica a 30 vivendas unifamiliares e Pantón ampliará o programa a outras 40, sumando neste último caso 195 os composteiros repartidos.
- Os usuarios de ámbolos dous municipios recibirán a formación axeitada para poder aplicar a técnica con garantías e obter un abono de alta calidade.
- Así mesmo, reciclando a materia orgánica en orixe, reducirase o peso da bolsa negra, véndose minorada a factura a pagar a Sogama polo seu servizo.
Cerceda, a 21 de maio de 2021.- O Concello lucense de Baralla decidiu levar a autocompostaxe a 30 vivendas unifamiliares con terreo. Se ben é certo que a transformación da materia orgánica en abono constitúe unha práctica moi arraigada no rural galego, a dotación de composteiros por parte de Sogama (30 en este caso, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) axudará aos usuarios a que o proceso de valorización da materia orgánica resulte máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Co fin de que os veciños participantes poidan formarse na técnica, con cada composteiro recibirán un manual didáctico no que se explica a operativa, detállanse os pasos a dar e especifícase a relación de materiais que poden e non poden ser depositados no recipiente, indicando igualmente como se debe levar a cabo o control de parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura, esenciais para obter un compost de alta calidade que poida ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías.
Non obstante, en datas a acordar polo Concello e Sogama, os participantes recibirán un curso de formación no que se resolverán as dúbidas e tomarase nota das observacións trasladadas.
A valorización da materia orgánica en orixe xa demostrou as súas múltiples vantaxes ambientais, económicas e sociais. Ao reciclala nos propios fogares, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, circunstancia que podería contribuír a reducir a frecuencia de recollida e transporte do lixo, e polo tanto as emisións de CO2 á atmosfera. Así mesmo, ao alixeirar o peso da bolsa negra entregada a Sogama, verase minorada a factura a abonar a esta empresa pública polo seu servizo.
Pola súa banda, o Concello de Pantón decidiu ampliar o programa de compostaxe doméstica, tendo recibido de Sogama 40 novos compostadores que, sumados a partidas anteriores, fan un total de 195 recipientes distribuídos entre outros tantos fogares.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación