- A delegada coñeceu de primeira man a iniciativa da nova planta para a recuperación do téxtil, así como o proceso de transformación dixital que está abordando a compañía
- No caso da planta de téxtil, á que se destinará un investimento de 14 M€, a pretensión desta é axudar aos concellos no cumprimento da lei e complementar o eficaz labor que, neste ámbito, están a realizar as empresas de economía social
- Pola súa banda, a dixitalización da entidade contempla o desenvolvemento dunha plataforma para a xestión de datos e documentación, así como un Portal do Cliente
A Coruña, 23 de outubro de 2024.- A delegada da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, reuniuse esta mañá co presidente de Sogama, Javier Domínguez, e a directora xeral, Mirta Sueiro. No encontro analizaron os proxectos máis salientables activados pola entidade para prestar un mellor servizo público, como é o caso dunha planta para a recuperación de residuos téxtiles e o proceso de transformación dixital co que pretende gañar en eficiencia.
Neste sentido, Domínguez lembrou o anuncio que, no seu momento, fixo o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao redor da posta en marcha, no Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, dunha planta para a recuperación de téxtil (a primeira en Galicia de carácter público), á que se destinará un investimento de 14 M€ (dos cal 10,27 millóns proceden do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia -MRR-) e cuxa función será separar por tecidos a parte susceptible de ser reciclada e destinar a valorización enerxética a non reciclable.
Con esta instalación, cuxa capacidade inicial será de 3.000 Tn/ano, ampliable ata as 24.000 toneladas, preténdese axudar aos concellos a cumprir a lei, toda vez que están obrigados a implantar a recollida diferenciada de residuos téxtiles de carácter doméstico a partir do 1 de xaneiro de 2025, e tamén a complementar a recollida de téxtil fóra de uso que tan eficazmente están a levar a cabo as empresas de economía social.
Neste sentido, o máximo responsable da Sociedade lembrou que, actualmente, só se recolle de forma separada un 10,2% de residuo téxtil, representando este un 7% do lixo que chega a Sogama na bolsa negra (fracción resto depositada no contedor xenérico).
Igualmente, anunciou que o equipo técnico da compañía está a traballar na redacción dos pregos de licitación nos que se detallará a obra e alcance desta planta, que prevé entrar en operación a mediados do ano 2026.
Transformación dixital
Outro dos eixos estratéxicos da Sociedade Galega do Medio Ambiente é a transformación dixital co obxectivo de gañar en eficiencia, tanto industrial como administrativa. Para isto, a compañía abordou o desenvolvemento dunha plataforma (TRAZA) para a xestión de datos e documentación, asegurando así o control e a correcta rastrexabilidade do residuo, desde que entra na planta de transferencia ata que sae do Complexo cercedense.
A esta plataforma destinarase un investimento de 2,1 M€, dos cales 0,9 millóns financiaranse con fondos europeos grazas a outra axuda concedida no marco do MRR.
Ademais, a entidade xa está inmersa na configuración do futuro Portal do Cliente, que ofrecerá un servizo bidireccional aos 295 concellos adheridos ao seu modelo, poñendo á súa disposición datos de interese para, entre outras cousas, axudar a coñecer cal é o seu desempeño en relación cos distintos obxectivos en materia de residuos, xestionar incidencias e peticións, ou mellorar a comunicación entre as partes.
Pola súa banda, a delegada subliñou, que con iniciativas coma estas "seguimos traballando para que esa Galicia bonita tamén no medio ambiente sexa cada vez unha realidade máis forte", e apelou ao traballo conxunto cos concellos para lograr unha xestión "responsable" en materia de residuos.
Na provincia da Coruña hai 76 concellos adheridos ao modelo Sogama.