- Foi un dos municipios pioneiros en Galicia na implantación do recipiente marrón, tendo comenzado as entregas na planta de compostaxe industrial de Sogama o pasado mes de febreiro.
- A primeira caracterización realizada pola empresa pública desta fracción de residuos arroxa uns resultados moi positivos, toda vez que a porcentaxe de impropios limítase ao 3,96%.
- Así mesmo, o ente local, no marco dun acordo coa compañía, propiciou que 205 vivendas unifamiliares con terreo practiquen a autocompostaxe .
- A combinación de ambas modalidades de reciclaxe da materia orgánica sitúa a Laracha como un municipio plenamente comprometido co medio ambiente e a xestión sostible do lixo.
Cerceda, a 16 de xullo de 2020.- O concello coruñés de Laracha foi un dos primeiros en Galicia en implantar a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón. Tras unha intensa campaña informativa, formativa e de concienciación, o ente local comezou a entregar esta fracción de residuos na planta de compostaxe industrial de Sogama o pasado mes de febreiro.
Se ben a crise provocada polo COVID-19 tivo tamén repercusión nas cantidades e características dos residuos xerados polos cidadáns, o certo é que os laracheses seguiron implicándose de cheo na correcta selección do lixo, incluída a parte orgánica.
Aínda que durante o estado de alarma, Sogama non puido organizar estudos de campo, a finais do pasado mes de xuño realizou na súa planta de compostaxe a primeira caracterización da materia orgánica procedente do contedor marrón larachés, destacando a súa excelente calidade ao presentar tan só un 3,96% de impropios, é dicir, residuos que, dadas as súas características, non deberían ser depositados neste recipiente.
Os resultados evidencian o traballo conxunto realizado polo concello e os seus veciños; un labor que, en todo caso, e seguindo fielmente as directrices europeas, debe avanzar e reforzarse para que os restos orgánicos sexan reciclados e convertidos nun compost de calidade.
O quinto contedor, colocado en lugares estratéxicos do municipio, combínase con composteiros domésticos, dos que fan uso os veciños que habitan en vivendas unifamiliares que contan con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o abono obtido. Desta forma péchase o ciclo de aproveitamento da materia orgánica, reincorporándoa á terra como un fertilizante natural de alta calidade, coa particularidade de que contribúe a aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
RECUPERACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA EN ORIXE
No marco dun acordo de colaboración entre as partes, esta empresa pública subministrou ao ente local un total de 205 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que xa están operando a pleno rendemento noutros tantos fogares.
De forma complementaria, os usuarios recibiron manuais didácticos de apoio e sesións de formación presencial a cargo de técnicos de Sogama nas que tiveron a oportunidade de consultar dúbidas e ampliar coñecementos.
Con esta dobre modalidade de reciclaxe da materia orgánica, o concello de Laracha pretende dar resposta a cada ámbito de poboación (núcleo urbano e rurais) para que os cidadáns poidan contribuír a valorizar a materia orgánica, fagan un bo uso dos distintos contedores de recollida selectiva e, en definitiva, apliquen con éxito a xerarquía de xestión de residuos que promulga a Unión Europea a fin de convertelos en recursos.
Saúdos, Departamento de Comunicación