- Respecto do mesmo período do ano 2019, o residuo convencional (bolsa negra) baixa das 63.320,27 toneladas ás 61.229,96.
- Pola súa banda, a bolsa amarela sobe desde as 2.362,59 toneladas ás 2.477,34.
- Sogama recorda que as máscaras desbotables deben depositarse no contedor verde xenérico para que reciban o mellor tratamento: a valorización enerxética a máis de 850ºC.
- Así mesmo, esta empresa pública retomou o pasado 23 de novembro a xestión dos residuos sanitarios de baixo risco procedentes dos centros adscritos ao SERGAS.
Cerceda, a 4 de decembro de 2020.- A segunda onda do COVID-19, especialmente virulenta durante o pasado mes de novembro, traduciuse, no ámbito dos residuos convencionais (bolsa negra) xerados polos 295 concellos adscritos ao modelo de Sogama, nunha redución do 3,3%, baixando das 63.320,27 toneladas producidas no mesmo período de 2019 ás 61.229,96 toneladas do presente exercicio.
Pola súa banda, a contribución á reciclaxe de envases lixeiros (bolsa amarela: envases de plástico, latas e briks) continúa a súa tendencia ao alza, incrementándose nun 4,9% ao subir das 2.362,59 toneladas rexistradas en novembro 2019 ás 2.477,34 toneladas deste ano.
Isto significa que os galegos, malia as circunstancias, manteñen o seu compromiso coa segregación dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos correspondentes contedores para que poidan ser reciclados e reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida.
AS MÁSCARAS DESBOTABLES, AO CONTEDOR DA FRACCIÓN RESTO
Respecto das máscaras desbotables fóra de uso, que son obxecto de confusión ao estar conformadas por unha capa de polipropileno (un tipo de plástico) e considerar moitos cidadáns que o seu destino é o contedor amarelo,Sogama recorda que estes materiais, do mesmo xeito que as luvas dun só uso, as toallitas húmidas e os bastoncillos de algodón, deben introducirse no contedor verde xenérico, xunto coa parte non reciclable do lixo, a fin de que estes materiais poidan ser valorizados enerxeticamente a máis de 850ºC, temperatura coa que se garante a eliminación de patóxenos e outros axentes nocivos.
A compañía pública recorda á poboación a necesidade de ser extremadamente coidadosos con estes residuos, xa que unha máscara desbotable abandonada na contorna natural pode tardar entre 300 e 400 anos en degradarse, cos conseguintes prexuízos para o medio ambiente, os ecosistemas e a propia fauna.
Así mesmo, Sogama retomou o pasado 23 de novembro a xestión dos residuos sanitarios de baixo risco procedentes dos centros adscritos ao Sergas. Con tal fin, reactivou unha liña de tratamento independente á dos urbanos, así como unha planta provisional para a que se contratou persoal externo, na que estes refugallos son triturados e acondicionados co obxecto de ser convertidos nun combustible CDR que logo alimenta as caldeiras da planta temoeléctrica.
Garántese así a mellor xestión posible para estes materiais, que non é outra que a valorización enerxética,tal e como se contemplaba nas instrucións publicadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, un proceso que se leva a cabo con todas as garantías ambientais e de protección da saúde.
Saúdos, Departamento de Comunicación