- Este centro puxo en marcha un novo proxecto que, baixo o lema “Unha segunda oportunidade”, contempla a elaboración, por parte dos internos, de bolsas nas que se utiliza roupa fóra de uso: vaqueira e procedente de batas do centro médico.
- Así o explicou Pedro Cantero, director da Escola de Adultos desta institución, na cadea Ser, onde enxalzou o traballo da súa compañeira e profesora Lucía Rodil, artífice desta iniciativa.
- Trátase dun proxecto orientado a loitar contra o plástico dun só uso, pero desde unha dimensión social.
- As bolsas xa se atopan en fase de confección e o centro estuda distintas posibilidades para darlles unha saída solidaria no exterior.
Cerceda, a 18 de marzo de 2019.- Recentemente, a Escola de Adultos do Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo), da man do seu director, Pedro Cantero, adentrábase nun novo proxecto de educación ambiental que xa se suma a unha longa lista de actividades de formación nas que o medio ambiente tivo e ten un papel protagonista, servindo como vehículo canalizador cara a ese gran obxectivo que é a reinserción social e que culmina un arduo traballo de reciclaxe no que se intenta potenciar o mellor de cada un dos internos e reorientar aqueles aspectos que precisan de orde, organización e equilibrio.
E nese incansable labor, emerxeu unha idea da que é autora a profesora Lucía Rodil. Alarmada polo inxente consumo de bolsas plásticas e, seguramente alarmada pola gran cantidade de plásticos que acaban nos océanos, e que representan un serio problema para os ecosistemas mariños, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana, considerou que era o momento propicio para levar a cabo un proxecto que, ademais de formar aos internos, se erixise tamén nunha ferramenta coa que chamar a atención da poboación sobre a contaminación por plásticos e apostar por alternativas máis sostibles.
UNHA SEGUNDA OPORTUNIDADE
E neste marco xurdiu “Unha segunda oportunidade”, iniciativa visualizada no seu sentido máis amplo. Con roupa fóra de uso, vaqueira e procedente de batas do centro médico, os alumnos confeccionan bolsas reutilizables, un traballo que levan a cabo nun taller de costura creado ad hoc e que supervisa persoalmente Rodil.
De momento, o programa céntrase na propia confección e aínda non consensuaron a saída que darán a esta especial colección de bolsas, únicas, orixinais e cunha indiscutible mensaxe ambiental e social.
Entre as posibilidades que barallaron, unha que gaña peso é a de articular unha mesa nun lugar estratéxico, probablemente nas proximidades dun centro comercial ou gran supermercado, e doar estas bolsas aos consumidores para dar visibilidade ao seu traballo e chamar a atención sobre a necesidade de minimizar o excesivo consumo de plástico e potenciar a reutilización como unha das prácticas máis efectivas para diminuír o consumo dos xa limitados e escasos recursos naturais.
En declaracións á cadea Ser, Pedro Cantero recordou o plan de acción que, desde 2007, se veu levando a cabo no centro penitenciario de Monterroso con gran éxito. Desenvolvemento sostible, compostaxe, vermicompostaxe e unha horta ecolóxica no que empregaron milleiros de botellas plásticas fóra de uso son algunhas das actividades realizadas, acompañadas pola edición de libros e aderezadas por un proxecto de redución do desperdicio alimentario no que están traballando intensamente desde fai máis dun ano.
Saúdos, Departamento de Comunicación