- Para 2022, este aforro poderá superar os 11 M€, xa que, á bonificación do 10%, engádese a rebaixa do 5% que a empresa pública aplicará a todos os concellos adheridos ao seu sistema de xestión, coa particularidade de que non se computará o IPC correspondente.
- Con esta redución preténdese aliviar a presión sobre a economía das familias, fortemente golpeadas pola crise do COVID-19 e a implacable subida do prezo da electricidade.
- Así mesmo, a Xunta tamén quere compensar o negativo impacto que terán os impostos promovidos polo Goberno central ao uso do vertedoiro e á propia valorización enerxética, malia estar contemplada esta última na lexislación como a mellor opción de tratamento para os residuos non reciclables.
Cerceda, a 7 de marzo de 2022.- A bonificación do 10% no canon de Sogama durante o últimos tres anos aforrou aos galegos un total de 9.756.328 euros.
Unha gran maioría dos concellos solicitantes conseguiron acollerse á mesma ao dar debido cumprimento aos dous requisitos esixidos: promover a redución da produción de residuos e/ou a reciclaxe de envases lixeiros, e trasladar a rebaixa ao recibo dos veciños.
En 2021, foron 165 os entes locais que pediron esta bonificación, dos cales 152 levaron á práctica os criterios establecidos. Para 2022, foron 167, quedando estes obrigados a acreditar, a principios de 2023, e a través de certificado asinado pola autoridade competente, que materializaron ambas as dúas esixencias.
A diminución do canon de Sogama será aínda maior este ano xa que, á bonificación do 10%, que traerá consigo un aforro estimado de máis de 3.431.000 euros, sumarase a aplicación, por parte da empresa pública, dunha rebaixa xenérica do 5% para os 295 municipios adheridos ao seu sistema. Neste caso, o canon baixará dos 69,48 euros/tonelada de 2021 aos 66,00 euros/tonelada. De acollerse á bonificación, o importe situarase en 59,40 euros/tonelada, coa particularidade de que, adicionalmente, non se computará o IPC correspondente (6,5%).
Con todos estes ingredientes, a rebaixa podería chegar ao 21%, estimando un aforro superior aos 11 millóns de euros para os petos dos galegos.
ALIVIAR A PRESIÓN SOBRE AS ECONOMÍAS FAMILIARES
Esta redución do prezo lévase a cabo malia os investimentos realizados pola compañía nos últimos anos, que ascenden a preto de 90 millóns de euros, e que lle permitiron introducir importantes melloras na súa operativa, dotando de maior eficiencia ao servizo que presta a máis de 2.240.000 habitantes.
Así mesmo, a firme aposta pola industria 4.0, incrementou nun 45% a cantidade de materiais destinados aos centros recicladores para ser convertidos en novos produtos, á vez que minorou, respecto do ano 2008, en máis dun 98%, as toneladas depositadas directamente no vertedoiro de Areosa, cuxa superficie xa foi selada nun 90%. A día de hoxe, opera un único vaso de vertedura ao que se levan os rexeitamentos, é dicir, aquelas fraccións resultantes do proceso de tratamento que, dadas as súas características, non poden ser recicladas nin valorizadas enerxeticamente.
Con esta rebaixa tamén se pretende aliviar a presión sobre as economías das familias, fortemente golpeadas pola crise do COVID-19 e o implacable incremento do prezo da enerxía eléctrica, acrecentado polo conflito de Ucraína.
Igualmente, concíbese como unha vía para compensar o negativo impacto que terán os impostos promovidos polo Goberno central e que gravarán o uso do vertedoiro e a propia valorización enerxética, malia estar contemplada esta última na lexislación europea como a mellor opción de tratamento para aqueles residuos que non se poden reciclar, coa vantaxe de que extrae dos mesmos enerxía limpa, un ben que, dadas as circunstancias actuais, cobra aínda maior relevancia pola alta dependencia enerxética do exterior.
Neste sentido, cabe lembrar que, en España, segue dominando o vertedoiro, cunha porcentaxe media do 54%, fronte ao 1 e o 4% dos países europeos máis avanzados e comprometidos co medio ambiente, que son precisamente os que máis reciclan e os que contan con maior número de plantas de valorización enerxética.
RECICLAXE DA MATERIA ORGÁNICA, MÁIS PRETO
A fin de seguir dando resposta ás esixencias europeas, a Xunta e Sogama traballan estreitamente na construción e desenvolvemento dunha rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost.
Esta rede estará conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, unha por provincia: Cerceda, (A Coruña -en funcionamento-, Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense), e 13 plantas de transferencia que serán adaptadas ou transformadas para transvasar nas mesmas os residuos orgánicos recollidos a través do contedor marrón, que os concellos deberán implantar, seguindo as directrices europeas, antes do 31 de decembro de 2023.
A esta rede destinarase un investimento de 38,6 millóns de euros, dos cales 30 millóns serán achegados polos Fondos FEDER como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.
Saúdos, Departamento de Comunicación