- Sogama subministrou a este concello lucense 25 composteiros e impartiu un curso de formación presencial dirixido aos usuarios
Cerceda, a 1 de febreiro de 2023.- O Concello de Burela (Lugo) distribuíu unha nova partida de 25 composteiros cedidos por Sogama entre outros tantos veciños interesados en sumarse ao programa de compostaxe doméstica impulsado polo ente local, coa colaboración da empresa pública, e que habitan en vivendas unifamiliares con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
Educadores ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente impartiron onte, no Salón de Conferencias da Antiga Biblioteca Municipal, un curso de formación no que os usuarios puideron tomar boa nota da operativa a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra, ata a relación de residuos que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control de parámetros que influirán en boa medida no resultado final, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
No transcurso da charla incidiuse nas fases de fermentación e maduración dos restos orgánicos e deuse resposta ás dúbidas formuladas polos asistentes co fin de que obteñan un abono natural de alta calidade que, ademais de achegar nutrientes ao solo, o protexa fronte a pragas e enfermidades.
Máis de 200 fogares adscritos
Con esta nova remesa de composteiros, son máis de 200 as familias de Burela que incorporaron aos seus hábitos diarios a autoxestión da materia orgánica, unha práctica tradicional no rural galego coa que poderán reducir a cantidade de refugallos depositados en contedor.
Saúdos, Departamento de Comunicación