- A petición destes concellos coruñeses, Sogama entregou 30 composteiros a Cabanas e 25 a Paderne.
- Tendo en conta subministracións anteriores, fan un total de 140 os fogares de ambos municipios adscritos a esta iniciativa.
- Os recipientes, de 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Con esta iniciativa, os entes locais pretenden alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 14 de febreiro de 2020.- A necesidade de promover a reciclaxe da materia orgánica está calando nos concellos galegos e cada vez son máis os que deciden implantar e/ou ampliar a compostaxe doméstica nos seus respectivos termos municipais, dados os importantes beneficios ambientais, económicos e sociais desta práctica.
Cabanas e Paderne, na provincia da Coruña, non o dubidaron. Sogama vén de entregar 30 novos composteiros ao primeiro, facendo un total de 90 as vivendas unifamiliares incorporadas ao programa, e 25 ao segundo, sumando 50 os fogares adscritos a esta iniciativa.
En ambos os dous casos, a pretensión é poñer en valor a fracción orgánica contida nos residuos e propiciar a súa conversión en compost, un abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo que, ademais, actúa de barreira fronte a posibles pragas e enfermidades.
O obxectivo é recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis higiénica e cómoda. Os compostadores a fornecer para esta tarefa, de 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Ademais, tendo en conta que, aproximadamente o 42% dunha bolsa de lixo tipo está conformada por materia orgánica, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional e, en consecuencia, o seu transporte e tratamento en planta.
Os interesados teñen a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal, onde atoparán recursos didácticos e divulgativos de interese.
A día de hoxe, Sogama xa repartiu de forma gratuita 11.500 compostadores entre 336 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais).
Saúdos, Departamento de Comunicación