- Suman anualmente preto de 766,6 millóns de quilogramos de lixo tóxico
- Cando se refugan de forma inadecuada, as cabichas descompóñense e desprenden os microplásticos que conteñen, metais pesados e moitas outras substancias químicas que impactan na calidade dos ecosistemas.
Cerceda, a 10 de maio de 2022.- O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e a Secretaría do Convenio Marco da Organización Mundial da Saúde para o Control do Tabaco lanzan unha nova campaña coa que pretenden concienciar sobre o impacto ambiental e sanitario que provocan os microplásticos presentes nas cabichas dos cigarros, o residuo máis refugado en todo o mundo.
A asociación entre as dúas entidades ten lugar grazas á campaña Mares Limpos, unha coalición mundial formada por 63 países dedicada a acabar coa contaminación mariña por plásticos. Deste xeito, únese a experiencia de ambos organismos en materia de saúde e de políticas públicas dos produtos derivados do tabaco xunto á investigación e a promoción do PNUMA sobre a contaminación por plásticos.
A produción anual de cigarros a nivel mundial supera os seis billóns. En cada un deles hai filtros compostos principalmente de microplásticos coñecidos como fibras de acetato de celulosa. Cando se refugan de forma inadecuada, as cabichas descompóñense pola acción da luz solar e da humidade, axudando a desprender eses microplásticos, metais pesados e moitas outras substancias químicas que impactan na calidade dos ecosistemas.
As cabichas suman anualmente preto de 766,6 millóns de quilogramos de lixo tóxico. Cando se inxeren, as substancias químicas nocivas dos microplásticos ocasionan a mortandade a longo prazo da vida mariña. É o caso das aves, peixes, mamíferos, plantas e réptiles.
Posteriormente, estas substancias tóxicas entran na cadea alimenticia, provocando graves impactos na saúde das persoas.
Fonte e imaxe: ONU