- Segundo datos publicados por Eurostat, cada habitante europeo xerou 186,5 kg de residuos de envases en 2022, o que supón un total de 83,4 millóns de toneladas, das que se reciclaron o 65%
Cerceda, a 28 de outubro de 2024.-En 2022, e segundo datos de Eurostat, xeráronse na UE un total de 83,4 millóns de toneladas de residuos de envases, é dicir, 186,5 kg por habitante, o que supón, en comparación con 2021, unha diminución de 3,6 kg por habitante, pero un aumento de 31,7 kg respecto a 2012. É dicir, cada cidadán europeo xera case 32 kg máis de residuos de envases que fai só dez anos.
Do total de residuos de envases producidos, o 41% son de papel e cartón, o 19% de plástico, o 19% de vidro, o 16% de madeira e o 5% de metal.
A taxa de reciclaxe de envases situouse en 2022 no 65%. Para os de papel e cartón, foi do 83%, con máis de 28 millóns de toneladas recuperadas, mentres que a de vidro superou o 75% (11.855.000 toneladas), e a dos envases metálicos roza o 77% , con algo máis de 3 millóns de toneladas recicladas.
No que respecta aos envases de plástico, en 2022 xerouse unha media de 36,1 kg por cada persoa que vivía na UE e, deles, recicláronse 14,7 kg. Isto supón o 41% de todos os residuos de envases de plástico xerados, fronte á taxa do 38% de 2012. Así, nunha década, a taxa de reciclaxe de envases de plástico apenas aumentou un 3%.
O país coa taxa máis alta de reciclaxe de residuos de envases foi Bélxica, cun 80%, seguido de Estonia e Países Baixos, ambos cun 73%. Pola contra, as taxas máis baixas de reciclaxe rexistráronse en Malta (32%), seguida de Islandia (42%) e Grecia (43%).
En España a taxa sitúase no 65,4%, en liña coa media europea, distribuído da seguinte forma: 78% para o papel e cartón, 67,7% vidro, 82% para envases metálicos e 41% para os de plástico.
Fonte: Eurostat
Imaxe: Pixabay