- No marco do Día Internacional dos Residuos Electrónicos, que terá lugar o próximo 14 de outubro, o WEEE Forum incide na importancia de desfacerse correctamente dos vellos aparellos para evitar o seu impacto ambiental e recuperar os seus recursos.
- Os RAEE son unha verdadeira «mina urbana»: hai 100 veces máis ouro nunha tonelada de smartphones que nunha tonelada de mineral de ouro.
Cerceda, a 8 de outubro de 2021.- Segundo un recente estudo, cada cidadán europeo arroxa ao cubo de lixo convencional ata 1,4 kg de aparellos electrónicos vellos ou rotos. Para un fogar estándar, isto supón ao redor de 4 kg ao ano.
Conforme aos datos que manexa a Axencia de Protección Ambiental, en EEUU a situación non é moito mellor, desfacéndose aproximadamente de 416.000 teléfonos móbiles ao día. Isto significa que cada ano tíranse máis de 151 millóns de teléfonos en todo o país. Calcúlase que mesmo ata o 40% dos metais pesados presentes nos vertedoiros de Estados Unidos proceden dos aparellos electrónicos refugados.
Máis aló do enorme impacto ambiental, isto tamén supón unha verdadeira perda de recursos que poderían volver a entrar no ciclo produtivo. Por cada millón de teléfonos móbiles que se reciclan, poderíanse recuperar 16.000 kg de cobre, 350 kg de prata, 24 kg de ouro e 14 kg de paladio. Os residuos electrónicos son unha verdadeira «mina urbana» e, nalgúns aspectos, mesmo máis rica que a minería tradicional: por exemplo, hai 100 veces máis ouro nunha toneladade smartphones que nunha tonelada de mineral de ouro.
Neste sentido, Pacal Leroy, director xeral do WEEE Forum, asociación internacional que agrupa a organizacións de responsabilidade ampliada do produtor de residuos electrónicos de todo o mundo, manifesta que “son moitos os factores que interveñen para que o sector da electrónica sexa eficiente no uso de recursos e circular. Pero hai unha cousa que destaca: mentres os cidadáns non devolvan os seus aparellos usados e rotos aos puntos de recollida oficialmente recoñecidos, ou os vendan, ou os doen a organizacións benéficas, teremos que seguir extraendo os materiais, o que é moito máis prexudicial para o medio ambiente”
Para Magdalena Charytanowicz, responsable da organización do Día Internacional dos Residuos Electrónicos, que se celebra o próximo 14 de outubro, “a concienciación é un dos principais factores de motivación para que a xente actúe e devolva os seus artigos electrónicos non utilizados e non funcionais».
O ano pasado, máis de 120 organizacións de 50 países de todo o mundo apoiaron as celebracións. Este ano, o WEEE Forum convida a todas as entidades implicadas na xestión eficaz e responsable dos residuos electrónicos a planificar actividades de sensibilización para o 14 de outubro e a unirse a este esforzo común.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: WEEE Forum