- No conxunto da comunidade, a recollida deste tipo de residuos ascendeu a 50.732 toneladas, un 2,7% máis que no ano anterior, o que supuxo depositar máis de 190.000 envases cada día ou 330 envases por minuto
- Ángeles Vázquez destaca o papel do canal Horeca neste fito e recorda que o número de establecementos colaboradores en 2021 acadou os 5.105, máis do dobre que en 2020
Santiago de Compostela, a 16 de marzo de 2022.- Cada cidadán galego depositou no iglú verde medio quilo máis de envases de vidro, ata acadar unha media de 18,8 quilos en 2021 ou 64 envases, por riba da media nacional.
Este balance foi adiantado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que, xunto á directora de Operacións, Finanzas e Servizos de Ecovidrio, Ana Cardona, ofreceu unha rolda de prensa para informar do balance de reciclaxe en Galicia, relativo ao ano 2021, e que se pecha coa recollida selectiva de 50.732 toneladas de vidro, un 2,7% máis respecto do ano anterior.
Segundo manifestou a conselleira, este crecemento demostra a solidez deste modelo de reciclaxe a través do iglú verde, así como o elevado grao de sensibilización da sociedade galega para, entre todos, mellorar os resultados e situar a Galicia á vangarda da reciclaxe.
Non obstante, destacou os rexistros da cidade de Compostela, onde se incrementou nun 13% a recollida selectiva, “situándose como unha das capitais máis recicladoras do territorio galego, con 21,6 kg por habitante”, é dicir, unha media de 74 envases por veciño.
Vázquez Mejuto salientou que este esforzo a nivel comunidade é posible grazas á rede de contedores, formada por 17.373 iglús verdes, que deron acollida aos máis de 190.000 envases depositados cada día ou aos 330 envases por minuto.
Recordou que a esta cifra hai que engadir as case 13.000 toneladas recuperadas da bolsa negra nas plantas de tratamento -en Sogama e Lousame- que non foron separadas correctamente en orixe, polo que acabaron no lixo, e que agora se reincorporan ao ciclo produtivo para fabricar novos envases.
APOIO DO CANAL HORECA
A conselleira de Medio Ambiente tamén quixo poñer en valor o compromiso dos establecementos galegos do canal Horeca (hostalería, restauración e catering), que en 2021 foron 5.105 empresas, máis do dobre que no ano anterior, polo que eles son parte do éxito e do fito acadado.
Recordou que parte deste éxito tamén reside no feito de que se melloraron as infraestruturas para facilitar a correcta separación e reciclaxe de envases de vidro coa entrega de 1.122 cubos especiais e a instalación de contedores adaptados.
2022, ANO INTERNACIONAL DO VIDRO
A conselleira de Medio Ambiente lembrou que a ONU declarou 2022 como o Ano internacional do vidro polo importante papel que este material xogou no desenvolvemento da humanidade e que hoxe é elemento esencial en sectores como a enerxía, electrónica, agricultura, óptica, aeroespacial ou biomedicina.
Vázquez Mejuto afirmou que o vidro é un material natural e 100% reciclable de envase a envase, polo que, coas cifras de reciclaxe rexistradas o pasado ano, “evitouse a extracción de 76.400 toneladas de materias primas (area, eslamiada e calcaria), cantidade equivalente a sete veces o peso da torre Eiffel”, destacou.
Ao mesmo tempo, evitouse a emisión de preto de 37.000 toneladas de CO2 a atmosfera, o equivalente a retirar máis de 17.000 coches da circulación durante un ano.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda