- Esta iniciativa pon en valor a colaboración dos cidadáns na correcta reciclaxe dos medicamentos caducados, non utilizados e os envases baleiros mediante a súa entrega no Punto SIGRE da farmacia.
- Ao longo das dúas décadas de funcionamento do sistema SIGRE, conseguiuse que o hábito de reciclar residuos de medicamentos de orixe doméstica xa estea plenamente instaurado no 90% dos fogares do noso país.
- Así mesmo, a industria farmacéutica aplicou o pasado ano 441 medidas de ecodeseño nos seus envases, o que permitiu reducir o peso dos mesmos en máis de 1,33%
Cerceda, a 25 de outubro de 2021.- Co lema “Cada paso suma”, SIGRE lanza unha nova campaña de sensibilización social coa que pon en valor a colaboración dos cidadáns na correcta reciclaxe dos medicamentos caducados, non utilizados e os envases baleiros mediante a súa entrega no Punto SIGRE da farmacia.
Con esta iniciativa saliéntase a responsabilidade que todos e cada un de nós temos na construción dunha sociedade máis sostible.
O uso axeitado dos antibióticos, así como a correcta xestión dos residuos xerados tras completar os tratamentos, é outro dos puntos crave desta campaña. Segundo datos da última sondaxe de opinión levada a cabo por SIGRE, máis da metade dos cidadáns aínda non é consciente de que tirar estes medicamentos ao lixo contribúe ao desenvolvemento e dispersión das resistencias a antimicrobianas.
PRESENTE NO 90% DOS FOGARES
Ao longo das dúas décadas de funcionamento do sistema SIGRE, conseguiuse, coa implicación de todos os actores da cadea, que o hábito de reciclar residuos de medicamentos de orixe doméstica xa estea plenamente instaurado no 90% dos fogares do noso país.
No relativo ao coidado da saúde, logrouse que o 86% dos cidadáns deposite os medicamentos caducados ou que xa non sabe para que serven cando fai a revisión da caixa de primeiros auxilios doméstica, e o 68% ao finalizar un tratamento se sobra parte da medicación.
ECODESEÑO E AFORRO
A firme aposta da industria farmacéutica polo ecodeseño, deu como resultado que, durante o pasado ano, 94 laboratorios aplicasen 441 medidas de ecodeseño nos seus envases, o que permitiu reducir o peso dos envases de medicamentos comercializados no noso país en máis dun 1,33% e aforrar preto de 600 toneladas de materias primas utilizadas na súa produción, envasado, transporte, conservación e reciclado.
Así mesmo, é preciso destacar que, desde o ano 2000, a industria farmacéutica innovadora, de xenéricos e de autocuidado culminou con éxito 7 Plans Empresariais de Prevención de Envases e aplicou ao redor de 3.000 iniciativas de ecodeseño para reducir o peso dos envases farmacéuticos en máis dun 25% e facilitar a reciclaxe do 60% dos materiais dos envases recolllidos.
Fonte e imaxe: SIGRE