- O obxectivo é reciclar o 76% de todo o papel consumido para 2030
- Nunha comparativa interanual, a cantidade total de papel e cartón recollido e reciclado o pasado ano aumentou un 2%, ata os 57,1 millóns de toneladas, en parte grazas aos novos investimentos en capacidades de reciclaxe deste material en Europa
Cerceda, a 25 de outubro de 2022.- Ao establecer como obxectivo reciclar o 76% de todo o papel consumido para 2030, a cadea de valor deste material renovou o seu compromiso de contribuír á transformación da UE cara a un novo modelo de economía circular.
En 2021, reciclouse o 71,4% de todo o papel e cartón consumido en Europa. Nunha comparativa interanual, a cantidade total recollida e reciclada no sector papeleiro en 2021 aumentou un 2%, ata os 57,1 millóns de toneladas, en parte grazas aos novos investimentos en capacidades de reciclaxe de papel en Europa.
Desde o ano 2000, a cadea de valor europea do papel comprometeuse a mellorar o proceso e a calidade da reciclaxe, así como a superar os obstáculos existentes, e con tal fin emprendeu diversas iniciativas tales como a publicación de pautas de recolección e clasificación, así como unha folla de ruta para aumentar aínda máis a sostibilidade dos empaquetados. Tamén se destaca o traballo da cadea nos proxectos de avaliación da calidade do papel para reciclar e a súa colaboración co CEN, o Comité Europeo de Normalización, no eido das especificacións técnicas.
Así mesmo, resultaron esenciais as iniciativas para facer que os produtos a base de papel sexan reciclables por deseño, incluída a publicación dunha Guía de circularidade para envases a base de fibra, así como a promoción de campañas de información organizadas para fomentar a concienciación e intercambiar as mellores prácticas sobre tecnoloxías de reciclaxe dentro da industria.
Fonte: CEPI (Asociación Europea que representa á industria papeleira)
Imaxe: Pixabay