- A oferta de contidos da plataforma educativa de Sogama amplíase substancialmente cunha continua actualización que permitirá manter o interese dos seguidores e, xa que logo, continuar co labor de formación e concienciación na protección da contorna e a saúde.
- As actividades desenvolveranse con novos formatos a fin de que os escolares poidan interiorizar os coñecementos adquiridos con maiores garantías e, ademais, o fagan de forma lúdica e divertida.
- A Familia Trebón e os Amigos de Vilaverde seguirán acompañando aos pequenos nas súas aventuras.
Cerceda, a 11 de setembro de 2019.- A plataforma educativa de Sogama “Caderno Verde” (www.cadernoverde.gal) comeza o curso académico 2019-2020 con interesantes novidades e sorpresas coas que se enriquecerá o seu cometido, que non é outro que contribuír á educación, concienciación e sensibilización ambiental da poboación, estando orientada a escolares, profesores e pais.
Tralo salto á versión 2.0, que permitiu unha maior interactividade cos usuarios, dotando tamén de maior atractivo ás cuestións abordadas, a oferta de contidos amplíase substancialmente cunha continua actualización que permitirá manter o interese dos seguidores.
As actividades desenvolveranse con novos formatos a fin de que os escolares poidan interiorizar os coñecementos adquiridos con maiores garantías e, ademais, o gagan de forma lúdica e divertida.
Cada mes publicaranse micropezas coas que se dará cobertura a temáticas ambientais vinculadas ás diferentes áreas curriculares (Coñecemento do Medio, Matemáticas, Lingua, Inglés).
De forma paralela, publicaranse novas de actualidade e profundarase nas efemérides relacionadas coa protección da contorna e a saúde. E todo isto reforzado coa difusión de microcontos centrados na xestión sostible dos residuos urbanos a través da práctica cotiá dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), sen esquecer outras preocupacións como a alimentación equilibrada, o coidado dos bosques e a fauna, as enerxías renovables, a mobilidade sostible, a loita contra a contaminación por plásticos e as medidas para facer fronte ao cambio climático.
A Familia Trebón (Anselmo, Carola, Lucas, o can Antenas, o gato Evaristo, Lilia e Vito) e os Amigos de Vilaverde (Tomei, Mireia, Aloia, Brais, o can Cirilo e o avó Celso) seguirán acompañando aos pequenos nas súas aventuras.
Entra en www.cadernoverde.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación