- A plataforma pedagóxica de Sogama www.cadernoverde.gal converteuse nun instrumento de apoio na educación ambiental dos escolares de primaria, toda vez que abunda nas distintas disciplinas obxecto de estudo no currículum académico, pero desde unha dimensión ecolóxica.
- A correcta xestión dos residuos urbanos protagoniza as distintas fichas didácticas e ecocontos divulgados a través desta plataforma, contemplando igualmente outras temáticas de interese tales como a mobilidade sostible, a alimentación saudable, o coidado dos bosques, a protección da fauna e as bondades das enerxías renovables.
- Personaxes de ficción tales como a Familia Trebón e os Amigos de Vilaverde contribúen a dotar dun marcado carácter lúdico a todo o proceso de aprendizaxe, facéndoo máis ameno e divertido.
Cerceda, a 10 de xaneiro de 2019.- A plataforma educativa de Sogama www.cadernoverde.gal converteuse nun instrumento de apoio na educación ambiental dos escolares e nunha ferramenta de utilidade para profesores e pais. A súa concepción resulta especialmente atractiva, dado que abunda nos contidos das distintas disciplinas que conforman o currículum académico, pero desde unha perspectiva ambiental, centrando a atención na correcta xestión dos residuos urbanos, pero sen descoidar temáticas de gran interese tales como a alimentación saudable e equilibrada, a mobilidade sostible, o coidado dos bosques e os animais, e as vantaxes das enerxías renovables.
Desde o inicio da súa actividade, a plataforma recibiu preto de 130.000 visitas, con máis de 740.000 páxinas vistas. Os seus contidos, moi diversos en canto a formato, están ligados a diferentes materias tales como Lingua castelá, galega e inglés, Matemáticas e Coñecemento do Medio.
Personaxes de ficción tales como a Familia Trebón (Anselmo, Carola, Lucas, o can Antenas, o gato Evaristo, Lilia e Vito) e os Amigos de Vilaverde (Tomé, Mireia, Aloia, Brais, o can Cirilo e o avó Celso) contribúen a dotar de maior atractivo a un recurso concibido para apoiar a educación ambiental na propia escola e no ámbito familiar.
EN SINTONÍA COAS GRANDES CITAS AMBIENTAIS
Polo xeral, os contidos vincúlanse a eventos ambientais de gran alcance. É o caso da Semana Europea da Mobilidade, que en Caderno Verde celebrouse cunha ficha didáctica que, baixo o título “Sobre rodas”, desgranou as vantaxes do transporte limpo, dando conta das posibilidades de reciclaxe dos distintos compoñentes que conforman un coche, incluído o aceite, e os beneficios que, para a saúde, a economía e o medio ambiente, ten o uso da bicicleta.
Outra das fichas estivo dedicada ao Día da Alimentación, profundando nas bondades das dietas ricas en vitaminas e proteínas, e baixas en graxas e azucres, poñendo de relevo os nutrientes contidos en froitas, vexetais e legumes, así como a importancia de diminuír o desperdicio alimentario, un gran problema a nivel mundial, xa que se desperdicia un terzo da comida que se produce para o consumo humano, o que supón igualmente perder recursos tan valiosos como terra, auga, enerxía, combustibles e o traballo dos agricultores.
A protección da fauna centrou outra das fichas didácticas, alertando sobre a ameaza que supoñen os plásticos para moitas especies, tendo en conta que os inxiren ao confundilos con alimento, podendo ocasionarlles a morte.
Lonxitude, decimais, enerxía, Día Forestal Mundial e un ecoconto para gozar dun pícnic sostible no campo, con pratos e cubertos reutilizables, manteis e panos de tea, así como vasos e tuppers de cristal, constitúen algunhas das temáticas a abordar durante os próximos meses para que os escolares de educación primaria teñan a oportunidade de aprender novos conceptos académicos desde unha visión ambiental e dunha forma lúdica e divertida.
Saúdos, Departamento de Comunicación