- A plataforma educativa de Sogama afiánzase como referente na educación ambiental dos escolares, toda vez que a protección da contorna entronca, de forma transversal, con practicamente todas as materias de estudo do currículo académico.
- A nova tempada arrinca cunha ficha didáctica pensada para Lingua Castelá (palabras simples e palabras compostas) e orientada ao alumnado de segundo de primaria.
Cerceda, a 4 de outubro de 2022.- A plataforma educativa de Sogama www.cadernoverde.gal, regresa ás aulas e aos fogares dos escolares con novos contidos, novos enfoques temáticos e novas aventuras ambientais dos “Amigos de Vilaverde”.
Brais, Aloia, Tomé, Mireia, o avó Celso e o can Cirilo deleitarán aos pequenos coa súa sabedoría e bo facer na xestión sostible dos residuos urbanos, pero tamén na protección da fauna e a natureza, no fomento das enerxías renovables, na mobilidade sostible e na loita contra o cambio climático.
A principal característica desta plataforma é o enfoque transversal das boas prácticas ambientais nas distintas materias de estudo que conforman o currículo académico, incluíndo actividades vinculadas ás Matemáticas, a Lingua Galega e Lingua Castelá, Inglés e Educación artística.
En concreto, a tempada 2022-2023 arrinca cunha ficha didáctica pensada para Lingua Castelá (palabras simples e palabra compostas) e orientada ao alumnado de segundo de primaria.
Sopas de letras, exercicios de completar, de identificar verdadeiro/falso, de unir con frechas e de resolver crucigramas constitúen tarefas interactivas coas que os escolares poderán aprender a protexer o medio ambiente dunha forma amena e divertida, e afianzar os coñecementos adquiridos.
Pola súa banda, os pequenos de infantil poden gozar aprendendo cos ecocontos da Familia Trebón.
Os contidos propios de educación secundaria comezaron a traballarse o pasado curso a través dunha unidade didáctica específica denominada “O secreto de Caderno Verde” e que convida á reflexión e á toma de decisións desde o coñecemento e a responsabilidade ambiental. Este curso seguirase a atender esta etapa educativa, que se verá enriquecida.
Saúdos, Departamento de Comunicación