- Orientado ao alumnado de infantil e primaria, a través de www.cadernoverde.gal trabállanse, desde unha perspectiva ambiental, as distintas disciplinas que conforman o currículum académico, cobrando especial protagonismo a xestión sostible dos residuos urbanos.
Cerceda, a 28 de xullo de 2021.- A plataforma educativa de Sogama www.cadernoverde.gal, constitúe un recurso divulgativo de interese ao longo do curso académico e tamén durante as vacacións de verán.
A través do mesmo, o alumnado poderá seguir traballando nas distintas disciplinas que conforman o currículum, pero desde unha perspectiva ambiental. Para isto póñense á súa disposición completas unidades didácticas nas que a correcta xestión dos residuos urbanos cobra especial protagonismo, sen esquecer outras cuestións tales como a mobilidade sostible, a protección da natureza e dos ecosistemas, o papel das enerxías renovables, o aforro enerxético, a contaminación do aire, etc.
As explicacións de cada temática, a cargo dos Amigos de Vilaverde, compleméntanse con actividades nas que os escolares poñen a proba o apreso. Este labor estará amenizado con Ecocontos liderados pola Familia Trebón.
Os alumnos de Educación Infantil e Primaria (1º, 2º e 3º ciclo) constitúen o público obxectivo deste sitio web, definido por tres atributos esenciais: a aprendizaxe, o xogo e o entretemento. A pretensión última é que o medio ambiente, lonxe de ser unha materia de estudo independente, esté presente en todas as ordes da vida.
No caso concreto dos residuos, préstase especial atención ás boas prácticas individuais e colectivas, primando o consumo responsable, a prevención, a redución da produción de lixo, a reutilización dos artigos co fin de alongar a súa vida útil e a reciclaxe, transformándoos en novos produtos, un proceso que permite aforrar enerxía e materias primas virxes.
Sogama está convencida de que a educación ambiental dos máis novos significa investir nun futuro verde, sostible e circular, dando paso a adultos comprometidos coa contorna, responsables e consecuentes coas súas accións.
Saúdos, Departamento de Comunicación