- A particularidade desta iniciativa é o carácter transversal que dá ao medio ambiente, xa que entronca coas principais materias obxecto de estudo no currículo académico, permitindo que os escolares poidan aprender distintos contidos desde unha dimensión ecolóxica
- O que empezou sendo un proxecto circunscrito ao alumnado de infantil e primaria, chegou xa ao de secundaria con enfoques temáticos e contidos atractivos para este grupo de idade
Cerceda, a 31 de xullo de 2023.- A plataforma educativa de Sogama “Caderno Verde” www.cadernoverde.gal posiciónase xa como un referente pedagóxico na educación ambiental dos escolares con preto de 260.000 visitas recibidas e 1,5 millóns de páxinas vistas.
O que empezou sendo un proxecto circunscrito ao alumnado de infantil e primaria, chegou xa ao de secundaria. con enfoques temáticos e contidos atractivos para este grupo de idade.
A particularidade desta plataforma é o carácter transversal que dá ao medio ambiente, xa que entronca coas distintas materias obxecto de estudo no currículo académico, permitindo que pequenos e adolescentes poidan estudar os contidos propios de matemáticas, coñecemento do medio, así como lingua española, inglesa e galega, entre outras materias, á vez que reforzan os seus coñecementos no principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) para mellorar a xestión dos residuos municipais, facéndoa máis sostible, e interiorizan valores de respecto, protección, solidariedade e empatía cunha contorna gravemente ameazada polo cambio climático e o quecemento global.
Periodicamente, os seguidores de www.cadernoverde.gal atoparán novas fichas didácticas, orientadas a públicos de distintos niveis educativos, nas que, ademais de explicar unha determinada temática, contémplanse actividades interactivas tales como completar, verdadeiro/falso, sopas de letras, adivinanzas, etc.
Para isto contarán coa axuda de dúas familias de personaxes xa afianzadas. É o caso dosTrebón (Anselmo, Carola, Lucas, Lilia, Vito e o gato Evaristo) e os Amigos de Vilaverde (Brais, Aloia, Tomei, Mireia, o avó Celso e o can Cirilo).
Os contidos compleméntanse con ecocontos e historias que a comunidade educativa pode consultar para mellorar a súa bagaxe na correcta segregación de residuos en orixe e a súa posterior reciclaxe, tamén na compostaxe, a loita contra a contaminación do aire e da auga, a redución do desperdicio alimentario e mesmo as bondades das enerxías renovables e a mobilidade sostible, entre outras áreas de coñecemento.
Máis información en www.cadernoverde.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación